O Cidade de Narón tráese os tres puntos da súa visita a Barreiros

  • Os xogadores de Abel Cernadas continúan coa boa dinámica das últimas xornadas e vencen con comodidade ao Praias por 2-5 con goles de Brais (2), Lucas, Cotelo e Álex Naveiras

 

 

 

 

 

 

 

 

Narón, 4 de novembro de 2023.- O Cidade de Narón venceu con comodidade ao Praias de Barreiros no choque que os enfrontou esta fin de semana a domicilio. Os pupilos de Abel Cernadas controlaron o xogo desde o primeiro minuto de partido e axiña abriron brecha no marcador grazas aos tantos anotados por Brais, Cotelo e Lucas. O segundo tempo non fixo máis que afianzar a vitoria dos naroneses, que remataron o partido cun marcador de 2-5.

O encontro comezou cun Praias de Barreiros con grande intensidade no xogo e posesións de balón moi longas, pero con pouca profundidade. Os naroneses, pola súa banda, comezaron de menos a máis, defendendo ben as longas posesións dos locais. Pero coa segunda rotación do equipo naronés, na que entraron Brais, Lucas, Álex Naveiras e Juan Caínzos, aumentou o ritmo do xogo. O tándem formado polo capitán amarelo e Lucas resultou letal e dúas boas combinacións permitiron ao 11 naronés anotar os dous primeiros tantos do partido logo de dúas grandes finalizacións. A primeira chegaba no minuto 6 dentro da área local, picándolle o balón ao porteiro do Barreiros na súa saída; e a segunda, tres minutos despois, cun gran tiro lateral ao segundo pao.

Cidade xogaba con intensidade, movía o banco e o Barreiros non lograba achegarse á meta de Fer Combarro malia que o intentou a base de estratexia pero tamén de tiros exteriores sen moito perigo. E no minuto 14, Pablo Cotelo anotou o terceiro tanto naronés tras controlar un tiro en longo e mandar o balón ao fondo das mallas locais.

Co marcador a favor, o Cidade gañou en confianza e no minuto 17 Lucas, nunha boa acción individual en banda poñía o 0-4 no luminoso de Barreiros grazas a un gran tiro coa perna esquerda. Un marcador a favor dos naroneses co que se chegou ao descanso.

O segundo tempo tivo outra tónica. O Praias de Barreiros resultou máis incisivo no xogo a través de accións individuais e varios tiros exteriores de Semedo con moito perigo para un Cidade que non amosaba a fluidez do primeiro tempo. Volveron as posesións longas sen a penas faltas, poucas perdas de balón e tamén poucos contraataques, o que provocou que o Narón se acomodase en media cancha.

O Praias apostou entón pola estratexia de porteiro-xogador que traballou moi ben e que lles permitiu dispoñer de varias ocasións claras que Fer desbaratou mantendo ao seu equipo a cero. Ata que un gran tiro exterior de Semedo no minuto 35 puxo o 1-4 no marcador e obrigou aos naroneses a subir a defensa e a presión para incomodar aos locais e que non se achegaran máis no marcador. E axiña chegaron os froitos, xa que un minuto máis tarde unha boa combinación entre Diego e Álex Naveiras permitiu a este último anotar o 1-5.

Praias seguiuno intentando con 5 para 4 pero o Cidade non se escondeu e presionou o xogo de superioridade dos locais ata que nunha xogada con varios rebotes dentro da área naronesa, Jairo marcou o segundo tanto dos locais.

Os últimos dous minutos de partido logo do tanto do Barreiros se xogaron sen moitos sobresaltos e o marcador final de 2-5 reflectiu a superioridade naronesa. Un Cidade de Narón que xestionou a súa eficacia de cara a porta no primeiro tempo e que se trae tres puntos moi importantes para manterse unha semana máis nos postos de cabeza.

Ficha técnica:

Praias de Barreiros: José Luis, Aarón, Semedo, Miguel e Christian M. Tamén xogaron Adelson, Borja, Isaías, Jairo e Sergio.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego, Pablo e Guille. Tamén xogaron Álex Naveiras, Lucas e Juan Caínzos.

Goles: (0-1) min. 6, Brais; (0-2) min. 9, Brais; (0-3) min. 14, Pablo; (0-4) min. 17, Lucas; (1-4) min. 35, Semedo; (1-5) min. 36, Álex Naveiras; (2-5) min. 38, Jairo.

Árbitros: Adán Cabo e Carlos Jesús González (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM de Barreiros (Barreiros)