Reparto de puntos entre o Cidade de Narón e o Sport Sala en Culleredo
-
Os dous equipos dispuxeron de moitas e moi boas ocasións para poñer distancia no marcador pero as boas accións dos dous porteiros impediron pasar do empate a un tanto
Narón, 18 de xaneiro de 2025.- O Cidade de Narón arrancou un meritorio punto no encontro que o enfrontou esta fin de semana ao segundo clasificado do Grupo 8 da Terceira División do Fútbol Sala Nacional, o Sport Sala Culleredo. O pavillón de Tarrío acolleu un partido no que os naroneses renderon a un bo nivel tanto en defensa como en ataque e no que o empate soubo a pouco logo das abondosas ocasións das que dispuxeron os xogadores que adestra Javi Albes pero que, ao final, semellou ser o resultado máis xusto xa que o estado esvaradío da pista, dificultou, e moito, os controis de balón e as boas xogadas.
O choque comezou con moita intensidade por parte dos dous equipos, cun Culleredo que mantivo unha defensa moi alta durante os 40 minutos de xogo, e un Narón que alternou a defensa en media cancha coa presión. De feito, a estratexia dos naroneses deixou un arranque de partido con varias accións coas que a punto estiveron de abrir o marcador. A primeira delas saíu das botas de Guille, nun man a man co porteiro local. Logo chegaría a de Lucas que arrancou desde o seu campo e nunha moi boa acción, se plantou ao borde da área local e golpeou un balón que pasou moi preto do pao.
Co paso dos minutos, os naroneses deixaron coller a iniciativa ao Culleredo pero o modo de xogar do equipo da casa, con ataques moi directos, deixou posesións moi curtas e pouco perigo ante a meta que defendeu Buxía, que a penas tivo que desbaratar un par de ocasións dos locais.
O Cidade continuou con rotacións continuas e con novas oportunidades para inaugurar o luminoso de Tarrío, nesta ocasión a través de Migui e de Javi. Pero precisamente cando os de Narón dispuxeron de maior posesión de balón e moita profundidade no xogo, chegou o tanto local grazas a unha boa contra que rematou Daniel cun tiro cruzado que Buxía foi incapaz de chapar, poñendo o 1-0.
Os naroneses seguiron intentando saír da presión dos locais con balóns en longo de Buxi e nunha desas Diego, nunha saída de presión de balón, se plantou ante a portería do Culleredo e meteu un balón ao segundo pao que acabou no fondo das mallas malia o intento de Fernando por despexalo con pouco tino. O partido chegou ao final do primeiro tempo con empate e sen apenas faltas.
No segundo tempo o Culleredo botouse arriba para asediar a portería de Buxía, xogando máis co pivot e con 1 para 1 en banda. Esta estratexia non impediu que os naroneses volveran a desfrutar de varias ocasións para poñerse por diante no marcador, tanto por medio de Guille, que tivo outro man a man co porteiro, como de Héctor e Diego que se plantaron diante do porteiro sen acerto.
E pese a que os da casa o tentaron na recta final con balóns ao segundo pao que deron certa sensación de perigosidade, Buxía desbaratounas unha e outra vez.
Con empate a un tanto, os dous equipos decidiron non arriscar e renunciaron a porteiro-xogador, polo que o partido rematou cun reparto xusto de puntos.
O vindeiro sábado, o pavillón da Gándara acollerá o choque entre o Cidade de Narón e o Marín Futsal.
Ficha técnica:
Sport Sala Culleredo: Jaime, Fernando, Andrés, Víctor e Daniel. Tamén xogaron Óscar, Brais e Manuel.
Cidade de Narón: Buxi, Diego, Javi, Guille e Miguel. Tamén xogaron Luis, Lucas, Iván, Héctor e Pablo.
Goles: (1-0) min. 15, Daniel; (1-1) min. 19, Fernando (PP).
Árbitros: Adán Cabo González e Borja Rodríguez Rodiño (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón).