O Cidade comeza a segunda volta cunha vitoria clara sobre o ED Vigo 2015 na Gándara

  • Os de Narón levaron as rendas dun encontro no que deixaron moi boas sensacións tanto en defensa como en ataque e que gañaron por 4-1 con goles de Diego, Lucas, Luis e Iván

Narón, 11 de xaneiro de 2025.- O Cidade de Narón arrancou a segunda volta de Terceira División Nacional de Fútbol Sala cunha vitoria clara ante o ED Vigo 2015 e deixando moi boas sensacións na cancha. Os naroneses, que se enfrontaron a un dos máximos goleadores da categoría e cun importante caudal ofensivo, contaron coa intensidade necesaria para competir a un ritmo altísimo os 40 minutos de xogo, cunha defensa ordenada e xerando bastantes ocasións en ataque. O encontro rematou cun marcador de 4-1 con goles de Diego, Lucas, Luis e Iván.

O partido comezou con dous equipos ben plantados na pista e cun ritmo alto de xogo, con defensa en media cancha que pouco a pouco se foi convertendo en presión. Mentres que o Cidade de Narón arrancou con moito acerto nas súas situacións ofensivas, xerando moito xogo e fallando poucos pases; o ED Vigo intentou superar a defensa en media cancha dos naroneses con pouco acerto e moitas dúbidas no seu xogo.

 

Axiña o equipo local se puxo por diante no marcador grazas a un balón filtrado de Guille no borde da área que foi aproveitado por Diego para, cunha enorme definición, poñer o balón na escuadra da portería.

O partido transcorreu cun Cidade que dispuxo de abondosas ocasións que non materializou e cun equipo visitante que o intentou con xogo de pivot pero con pouco acerto. Ata que se chegou ao descanso.

O segundo tempo comezou cun Cidade que xa nos primeiros instantes dispuxo novamente de varias boas ocasións tanto con xogadas de estratexia como collendo as costas dos xogadores vigueses. Unha circunstancia que levou aos visitantes a renunciar ao xogo de pivot e iniciar os ataques de catro con pouca profundidade e xerando pouco perigo no marco de Buxía.

O encontro seguiu dominado polos naroneses ata que tras unha boa xogada por banda de Lucas, este puxo o balón ao segundo pao para que Luis o enviara ao fondo das mallas. Un tanto que deu tranquilidade aos xogadores do Cidade para afrontar a recta final dun encontro na que os vigueses apostaron polo xogo de cinco. E foi nesas cando Lucas aproveitou un roubo de balón para anotar o terceiro tanto local.

A piques de rematar o choque, un mal despexe de Diego provocou o gol en propia porta de Lucas que puxo o 3-1 no luminoso da Gándara. Pero aínda quedou tempo para anotar o cuarto e definitivo grazas ao roubo de Migui que, tras unha parede con Iván, deixou o balón para que o 9 naronés anotase o 4-1 definitivo.

A vindeira semana os naroneses viaxarán hasta Culleredo para enfrontarse ao Sport Sala.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxi, Diego, Héctor, Lucas e Miguel. Tamén xogaron Luis, Guille, Iván, Javi e Pablo.

ED Vigo 2015: Joel, Miguel, Javi, Lucas e Manuel. Tamén xogaron Carlos, Alberto, Óscar, Jorge, Samuel, Tomás e Anxo.

Goles: (1-0) min. 1, Diego; (2-0) min. 22, Luis; (3-0) min. 38, Lucas; (3-1) min. 39, Lucas (PP); (4-1) min. 39, Iván.

Árbitros: Juan Ramón Juan Mora e Nicolás Villegas Sordo (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón).