O Cidade suma tres puntos na Gándara tras vencer ao Friol por 4-3
-
Os naroneses acadan a oitava vitoria na casa, que esta tempada se está a converter nun auténtico fortín para os de Javi Albes, con goles de Iván, Lautaro, Migui e un en propia porta do xogador visitante Adrián
Narón, 22 de febreiro de 2025.- O Cidade de Narón sumou tres novos puntos no partido que o enfrontou esta fin de semana na Gándara ante o Concello de Friol. Un encontro moi disputado entre dous equipos que pelexan na zona media da táboa e no que o Cidade estaba obrigado a gañar para manter as opcións de poder disputar o playoff polo ascenso. O marcador final decantouse cara os naroneses por 4-3, logo dos goles anotados por Iván, Lautaro, Migui e o tanto en propia porta do xogador visitante Adrián.
O partido empezou cun Cidade cunha presión moi alta e un Friol que amosou as súas cartas con xogadas á contra e un xogo ben desenvolto en facetas ofensivas e xerando perigo con situacións de superioridade.
Os de Narón tentárono neses primeiros minutos de xogo a través de Guille, que estrelou un balón ao pao, e de Iván, que mandou un tiro á escuadra. Pero foi o Friol o que estreou o marcador da Gándara tras roubar en media cancha e finalizar á perfección.
Corría o minuto 5 e lonxe de baixar os brazos, os de Javi Albes mantiveron a intensidade tanto en tarefas defensivas como ofensivas e no minuto 12 Iván anotou o primeiro tanto local logo dun saque de banda lateral e unha boa condución.
A partir dese momento, o equipo local colleu confianza e nun bo balón en zona de finalización que filtrou Héctor, Lautaro golpeou de primeiras e puxo por diante ao Cidade de Narón.
O encontro seguiu cun ritmo moi alto e cun Friol que lonxe de descompoñerse seguiu xerando perigo na meta de Buxía. E a piques de rematar o primeiro tempo, o xogador lucense Manuel conseguiu poñer o balón na escuadra. Con empate a dous tanto chegou o descanso á Gándara.
O segundo tempo seguiu de xeito moi similar, cun Narón cunha defensa moi alta e un Friol que seguiu loitando por levarse os tres puntos. E nunha acción individual de Lautaro con condución en banda que finalizou cun bo tiro a portería, o xogador visitante Adrián, nun intento por desviar a traxectoria do balón, acabou enviándoo ao fondo da súa porta. Un gol que subiu ao luminoso naronés e que volveu a poñer por diante ao Cidade.
A partir dese momento, o partido entrou nunha fase na que os locais non conseguiron ter unha posesión continua en ataque e un Friol que se envorcou na portería de Buxía e que xerou abondosas ocasións de perigo.
O partido resolveuse nos últimos minutos, logo de que os visitantes decidiron arriscar sacando porteiro-xogador e anotaron un tanto a falta de dous minutos para o asubío final que puxo o empate a 3 no marcador.
E foi entón cando o Cidade decidiu recorrer ao 5 para 4 e na segunda ocasión de ataque, Diego anotou o gol da vitoria.
O Cidade sumou deste xeito a súa oitava vitoria na casa e se mantén nos postos altos da táboa e con todas as opcións para loitar pola fase de ascenso.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Buxi, Guille, Lucas, Diego e Migui. Tamén xogaron Iván, Paulo, Héctor, Lautaro, Pablo e Javi.
Concello de Friol FS: Gonzalo, Manuel, Adrián, Diego Reigosa e Diego Vidal. Tamén xogaron David Villar, Angel, David Arias e Guillermo.
Goles: (0-1) min. 5, Manuel; (1-1) min. 12, Iván; (2-1) min. 15, Lautaro; (2-2) min. 20, Manuel; (3-2) min. 22, Adrián (PP); (3-3) min. 38, Diego Vidal; (4-3) min.39, Diego.
Árbitros: Eloy Bello e Franco Alvaro Campagnoli (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal A Gándara (Narón)