O Cidade fai da Gándara o seu fortín e suma unha nova vitoria ante o Marín FS

  • Os naroneses venceron por 6-3 logo de dominar o encontro e ter máis pegada que o equipo visitante

  • Os tantos foron obra de Diego (2), Luis, Iván, Migui e Javi

Narón, 25 de xaneiro de 2025.- O Cidade de Narón volveu a colleitar unha nova vitoria na casa e xa van tres seguidas. Os de Javi Albes se impuxeron por 6-3 ao Marín Futsal, nun encontro que dominaron desde o primeiro momento e no que o acerto dos xogadores locais de cara a porta permitiulles gañar con solvencia. Os tantos dos naroneses foron obra de Diego(2), Luis, Migui, Iván e Javi.

Os de Narón arrancaron o encontro con moita intensidade, afogando a saída do Marín da súa cancha e desfrutando de maior posesión de balón ante un Marín incapaz de atacar a defensa alta do Cidade.

As boas combinacións dos xogadores naroneses en ataque, con bastante velocidade na execución das accións e bo xogo combinativo, puxeron en perigo constante a portería do Marín. De feito, dúas boas accións do porteiro mariñense Ángel impediron que o primeiro gol local subise antes ao marcador, xa que Lucas e Diego dispuxeron de dúas boas oportunidades para perforar a meta visitante.

Pero a persistencia dos xogadores locais, que acosaron unha e outra vez a área visitante, deu o seu froito no minuto 6, cando Diego anotou o primeiro tanto local logo dunha boa xogada de equipo.

O Narón quería máis e mantivo a súa defensa moi alta sen que os xogadores do Marín atopasen o xeito de saír do seu campo. E cando aínda non se cumprira un minuto do gol anotado por Diego, chegou o segundo do Narón grazas a unha boa presión de Luis en primeira liña que acabou roubando o balón e enviándoo ao fondo das mallas.

As rotacións dos naroneses non minguaron o nivel de xogo pero o exceso de confianza en ataque provocou algún que outro erro nas coberturas defensivas e permitiu ao Marín entrar en xogo con varias contras que chegaron ata a meta defendida polo porteiro xuvenil Iker. E nun deses ataques e tras varios rexeites, chegou o primeiro gol visitante, obra de David.

O 2-1 deu alas a un Marín que aproveitou as malas finalizacións do Cidade para montar contras que en dúas ocasións Iker logrou salvar para manter ao Cidade no partido e rematar o primeiro tempo cunha vantaxe pola mínima.

O segundo tempo arrancou de xeito moi parecido a como arrancou o choque: o Cidade seguiu con presión alta, mentres que o Marín saíu moito máis enchufado e levou moito máis perigo á meta defendida neste segundo período por Buxía. De feito, os de Marín nunha contra ben levada e logo de varios rexeites conseguiron igualar o marcador por medio de Aitor.

Pero o Cidade non perdeu o calma e, tirando de experiencia, Miguel anotou o terceiro tanto local tras unha xogada de estratexia.

Con 3-2 no luminoso do municipal naronés, o pupilos de Javi Albes baixaron a defensa a media pista dificultando moito o xogo colectivo de Marín que careceu de profundidade e non creou a penas perigo algún. Unha circunstancia que foi aproveitada polo equipo local para, nunha xogada de estratexia ben ganduxada por todo o equipo, Iván puxera o 4-2 no marcador.

A partir de aquí o Marín subiu liñas e o Cidade mantivo unha defensa en media pista moi cómoda sen que a penas xerase perigo algún. Tentouno tamén con 5 para 4 o equipo pontevedrés pero foi Javi tras un roubo de balón o que ampliou a distancia cunha gran vaselina.

O Marín non baixou os brazos e mantivo a estratexia de porteiro xogador coa que conseguiu acurtar distancia ao anotar David o terceiro tanto para po seu equipo a falta de un minuto para o final. E cando o partido semellaba sentenciado, Diego anotou de cabeza grazas a un pase en longo de Buxía o sexto e definitivo tanto dos de Narón. Vitoria final por 6-3 para o Cidade que amosa unha melloría na segunda volta e un bo xogo de pivot que fai que o equipo renda a bo nivel.

A vindeira fin de semana o Cidade de Narón viaxará a Ourense para enfrontarse ao Carballiño FS.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Iker, Lucas, Héctor, Diego e Miguel. Tamén xogaron Buxía, Iván, Luis, Guille e Javi.

Marín Futsal: Ángel, Diego, Samuel, Solla e Aitor. Tamén xogaron David, José Ángel, Badre, Fernando, César e Roberto.

Goles: (1-0) min. 6, Diego; (2-0) min. 6, Luis; (2-1) min. 8, David; (2-2) min. 23, Aitor; (3-2) min. 26, Miguel; (4-2) min. 31, Iván; (5-2) min.38, Javi; (5-3) min. 40, David; (6-3) min. 40, Diego.

Árbitros: Gabriel Balea e Yago Seijas (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal A Gándara (Narón)