O Cidade de Narón cae pola mínima na Gándara ante o Ribeira FS
-
Os naroneses non tiveron a sorte de cara e acabaron caendo por 2-3 logo de dous erros no treito final do partido
Narón, 25 de novembro de 2023.- Xornada aciaga para o Cidade de Narón que caeu na Gándara por 2-3 ante o Ribeira FS cando tiña encarrilado o encontro grazas aos tantos de Juan e Diego Vázquez. Dous erros no treito final do partido condenaron aos naroneses a xogarse os 3 puntos coa estratexia de porteiro-xogador pero sen sorte e malia dispoñer de varias ocasións claras de gol.
O encontro comezou cun Ribeira firme en defensa e un Cidade cun ritmo de traballo intenso que aguantaba ben as arremetidas dos visitantes. Unha tónica que rachou co gol de Juan mediado o primeiro tempo, logo dunha boa estratexia de falta.
Co marcador de cara, o Cidade se acomodou na cancha pero nunha xogada illada o Ribeira empatou o encontro grazas a un gran tiro de Quintela que entrou por toda a escuadra da portería naronesa.
O primeiro tempo acabou cos dous equipos moi intensos en defensa e xogando ao límite por mor da acumulación de faltas. E con varias ocasións para ambos que tanto Arenas no equipo visitante como Fer Combarro no local desbarataron para manter ao seus equipos no partido.
O segundo tempo arrancou cun Cidade plantado en media cancha e especulando co resultado mentres que o Ribeira levaba o peso do xogo. E chegaron as ocasións para os locais con varios man a man de Álex Naveira e Lucas que non converteron e un golazo de Diego Vázquez desde fóra. O Ribeira tamén dispuxo dunha boa ocasión cun tiro ao pao.
Pero se algo fixo cambiar o sino do encontro foi o gol en propia porta de Guille no minuto 28, logo dunha falta ao bordo da área e un despexe que pegou no xeonllo do xogador naronés para acabar no fondo das mallas. Un tanto que subiu ao marcador e que obrigou aos xogadores amarelos a ir a polos tres puntos. E malia a dispoñer de varias superioridades en ataque o Cidade non foi capaz de convertelas en tantos. E nesas andaban os amarelos cando chegou o terceiro do Ribeira obra de Javi tras un mal despexe de Buxía.
Dúas accións illadas que puxeron aos de Narón por debaixo no marcador e que os obrigaron a asumir máis riscos se cabe recorrendo ao xogo de porteiro-xogador. Catro minutos intensos con boas ocasións de Diego, Lucas e Juan que non souberon aproveitar. E tres puntos que se escaparon da Gándara e que fan que o Cidade rebaixe as súas expectativas na táboa clasificatoria.
Ao remate do partido, Javi Albes resumía o choque entre dous equipos “moi parellos, con experiencia en categorías superiores, intenso e pouco lucido pero con moito traballo e onde a mala sorte se aliou co Cidade para impedirnos sumar tres puntos moi importantes na casa”.
A vindeira xornada, o Cidade de Narón viaxará a Guitiriz para enfrontarse a O Korreo de Christian Díaz.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Fer Combarro, Diego, Juan, Pablo e Guille . Tamén xogaron Álex Naveiras, Luis, Álex Piñón, Lucas, Diego Rey e Buxía.
Ribeira FS: Arenas, Cisco, Quintela, Pablo Díaz e Antón. Tamén xogaron Fran, Javi, Christian, Losada, Illi e Gabri.
Goles: (1-0) min. 10, Juan Caínzos; (1-1) min. 11, Quintela; (2-1) min. 21, Diego Vázquez; (2-2) min. 28, Guille (PP); (2-3) min. 35, Javi.
Árbitros: Eloy Bello e Saúl Cabo (C.T.A. Galego).
Pavillón: PM da Gándara (Narón)