O Cidade de Narón desfruta dunha nova vitoria ante o Baiña FS
-
Os locais volveron sumar +3 logo dun gran traballo de todo o equipo con goles de Diego Vázquez, Guille e Iván
Narón, 28 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón sumou tres novos puntos ao seu caixón logo de impoñerse por 3 tantos a 2 ao Baíña FS no encontro disputado esta fin de semana na Gándara. Os naroneses realizaron un partido moi completo e malia que no segundo tempo os de Javier Vidal pisaron o acelerador, finalmente a vitoria caeu do lado do Cidade con tantos de Diego Vázquez, Guille e Iván.
O partido arrancou cun Narón que desfrutaba do control do xogo mentres que o Baíña, en media cancha, agardaba a ocasión de saír con balóns en longo. Os naroneses o tentaron de todos os xeitos, con moitas e moi boas oportunidades, como o tiro ao traveseiro de Luis ou os man a man de Iván… pero o porteiro visitante repeleu todos os tiros dos naroneses. E na portería contraría, Fer a penas se tivo traballo. Co marcador a cero se chegou ao descanso.
No segundo tempo o Cidade tentou poñer terra de por medio pero non foi quen de facelo ata que no minuto 25 Diego Vázquez anotou o primeiro. Cando semellaba que o Cidade tiña o control do partido, chegou o tanto do Baíña, obra de Rodri, que bateu de tiro cruzado a Buxía.
A partir dese momento, os naroneses tentaron recuperar a vantaxe no marcador pero un novo tanto, a penas un minuto despois, puxo ao equipo visitante por diante. E o Cidade, lonxe de baixar os brazos, imprimiu máis intensidade ao seu xogo, recuperou o traballo co pivot e nunha gran acción individual, Guille conseguiu bater a Pedro.
O empate a dous tantos no luminoso naronés aguzou ao Cidade que subiu a intensidade do seu xogo mentres que o Baíña se pechou en defensa aguantando as arremetidas locais.
Esa grande intensidade de xogo por parte dos dous equipos no segundo tempo fixo que ambas escuadras acumulasen cinco faltas. Pero a balanza se inclinou do lado naronés, xa que a sexta falta dos visitantes a falta de 8 segundos para o pitido final, permitiu a Iván poñer o 3-2 definitivo. Tres puntos que se quedan na casa, grazas ao gran traballo despregado polos xogadores de Abel Cernadas ante un Baíña que tamén disputou un bo encontro.
Con esta nova vitoria, os naroneses se manteñen na parte media alta da táboa clasificatoria. A vindeira xornada viaxarán a terras luguesas para xogar contra o Praias de Barreiros.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego Vázquez, Pablo e Guille. Tamén xogaron Buxía, Álex Naveira, Alejandro Piñón, Lucas, Iván, Juan e Diego Rey.
Baiña FS: Pedro, Rodri, Víctor, Ismael e Fran. Tamén xogaron Diego, Javier e Sergio.
Goles: (1-0) min. 25, Diego Vázquez; (1-1) min. 26, Rodri; (1-2) min. 27, Javier; (2-2) min. 29, Guille; (3-2) min. 39, Iván.
Árbitros: Adrián García López e Sergio López Ramudo (C.T.A. Galego).
Pavillón: PM A Gándara (Narón)