O Cidade de Narón suma a terceira vitoria consecutiva ante o ADFS Bueu

  • Os naroneses, malia as baixas de Buxía e Fer Combarro na porta, e dos xogadores Javi, Guille, Luis e Paulo, formularon un partido moi práctico que gañaron po 3-1 grazas aos tantos de Pablo e Lucas (2)

Narón, 1 de decembro de 2024.- O Cidade de Narón sumou esta fin de semana a súa terceira vitoria consecutiva ante o ADFS Bueu grazas aos tantos anotados por Pablo e Lucas (2) e malia as numerosas baixas que presentaron os locais para este encontro: Fer Combarro e Buxía na portería e os xogadores Javi, Guille, Luis e Paulo. Os naroneses formularon un partido moi práctico ante un equipo visitante que aterrou na Gándara cun sistema de xogo definido e coas ideas claras, pero que se atopou cun Iker, porteiro do equipo xuvenil, moi seguro baixo os paos.

O Cidade arrancou o choque cun sistema diferente ao que emprega habitualmente en casa, con defensa en media cancha. E se atopou cun Bueu que quixo ter a posesión do balón, con pouca profundidade no ataque, pero intentando xerar perigo con accións ás costas dos xogadores da defensa naronesa.

Os locais controlaron o partido pero amosaron menos intensidade no xogo que en ocasións anteriores, e aínda que o Bueu pareceu algo máis acertado neste primeiro tempo, foron os naroneses os que abriron o marcador por medio de Pablo logo dunha acción en banda.

Un tanto que deu tranquilidade aos de Narón pero que non impediu que o equipo visitante o seguira intentando a través dun bo xogo colectivo pero que se atopou coas boas accións de Iker, que desbaratou todos os intentos por igualar o marcador. Con vitoria pola mínima do Cidade se chegou ao descanso.

Durante o segundo tempo o Cidade de Narón tirou de oficio para seguir controlando o choque, mentres que o Bueu seguiu intentando xogar a pelota con ataques bastante elaborados, pero que se volveu a atopar cun Iker baixo os tres paos que non concedeu.

E cando semellaba que o partido entrara nunha fase de letargo, dúas boas accións de Lucas, o xogador máis incisivo do Cidade nesta xornada, fixeron que Bueu tivera que repregar liñas e na terceira acción individual, o naronés conseguiu dun tiro exterior poñer o 2-0 no marcador.

O Narón se atopou cómodo con defensa en media cancha e sen pasar maiores apuros, malia que o Bueu intentou aproximarse varias veces para recortar distancias. Pero ante a falta de oportunidades claras, os de Pontevedra decidiron cambiar de estratexia e apostaron polo xogo de 5 para 4.

E nas primeiras de cambio, o equipo local aproveitou para roubar a través de Lucas que puxo o 3-0 e deixou sentenciado un partido no que o visitante seguiu intentándoo con porteiro-xogador e o Cidade alternou a defensa en media cancha e a presión. Pero un desaxuste en defensa no último minuto permitiu a Bueu marcar o seu único tanto no choque.

O resultado desta fin de semana permite aos de Narón continuar coa racha de vitorias que o sitúan na zona medio-alta da táboa e que agardan prolongar o vindeiro fin de semana, no que o Cidade volverá a xogar na Gándara ante o Stellae-Leis Pontevedra B.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Iker, Miguel, Diego, Lucas e Héctor. Tamén xogaron Manu Tenreiro, Iván, Lautaro e Pablo

ADFS Bueu: Marcos, Eloy, Pablo, Marco e David. Tamén xogaron Sandro, Rodrigo, Daniel e Javier.

Goles: (1-0) min. 19, Pablo; (2-0) min. 27, Lucas; (3-0) min. 35, Lucas; (3-1) min. 38, Marco.

Árbitros: Juan Ramón Juan Mora e Nicolás Villegas Sordo (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da 

 

Gándara (Narón)