O encontro arrancou cun minuto de silencio en memoria das vítimas da Dana

O X Trofeo Cidade de Narón viaxa a Santiago logo da vitoria da Sub-19

  • O Cidade de Narón aproveitou o choque para que os xuvenís Diego, Manu, Nico e Iker desfrutaran de minutos co primeiro equipo e para dar descanso a xogadores do primeiro plantel ante o choque ligueiro contra a Pazos de Borbén

  • A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; e o concelleiro de Mobilidade, Urbanismo, Obras e Infraestruturas Públicas, Persoal e RRHH, Pablo Mouriz, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e o sucampión

Narón, 1 de novembro de 2024.- O X Trofeo Cidade de Narón de Fútbol Sala viaxou para Santiago. O partido, no que se gardou un minuto de silencio polas vítimas da Dana, enfrontou ao equipo de Terceira División contra a Selección Galega Sub-19 e rematou coa vitoria desta última. A entrega de trofeos correu a cargo da alcaldesa naronesa, Marián Ferreiro e máis do concelleiro de Mobilidade, Urbanismo, Obras e Infraestruturas Públicas, Persoal e RRHH, Juan Pablo Mouriz, aos que o clube quere agradecer a súa presenza.

Así as cousas, o equipo naronés aproveitou o choque contra o combinado galego para dar entrada aos xuvenís Diego, Manu, Nico e Iker e para dar descanso a xogadores do primeiro plantel ante o partido de Liga que o Cidade tiña que disputar ao día seguinte contra o Pazos de Borbén. Tamén supuxo á volta ás canchas de Guille logo da lesión que o mantivo apartado durante case tres semanas.

O partido comezou con moita intensidade por parte dos dous equipo pero foi a Selección galega en dúas boas finalizacións a que se puxo por diante no marcador. Unha vantaxe que obrigou ao Cidade a subir a defensa para intentar remontar o partido e que propiciou que os dous equipos desfrutasen de abondosas oportunidades, pero no que a Sub-19 tivo máis tino na finalización e moita máis intensidade nas situacións de contraataque.

O combinado galego foi abrindo brecha no marcador e o Cidade abriu moito máis a pista cunha presión moi alta que trouxo consigo que os naroneses se cargasen de faltas e remataran o primeiro tempo con sete faltas e dous tiros desde 10 metros.

O segundo tempo foi moi diferente. O Cidade realizou varios axustes e o marcador a penas se mudou, xa que os de Narón controlaron máis o xogo e a Selección galega dispuxo de moitas menos ocasións de gol. O final do encontro serviu para que as dúas escuadras apostaran por probar a estratexia de porteiro-xogador. En definitiva, bo test para o Cidade de Narón que aproveitou para que os xuvenís contaran con minutos no primeiro equipo e para referendar o fútbol sala no municipio naronés.