O Cidade de Narón non pasa do empate na súa visita a Rábade
-
As xogadas de estratexia definiron un encontro no que os naroneses souberon sobrepoñerse ao ímpetu inicial dos locais
-
Os tantos dos amarelos foron obra de Javi, Guille, Miguel e Luis
Narón, 14 de decembro de 2024.- O Cidade de Narón volveu cun punto no peto do partido que o enfrontou esta xornada ao IM Galical Rábade FS. Un choque con moitas alternativas e onde primaron as xogadas de estratexia para avanzar no marcador. Con empate a 4, os tantos dos naroneses foron obra de Javi, Guille, Miguel e Luis.
O encontro comezou con dúas estratexias diferentes. Mentres os locais arrancaron o partido cunha defensa moi alta e con moito xogo de pivot, o Cidade facíao con defensa en media cancha, con maior posesión de balón e con ataques máis traballados.
O tirón inicial do Rábade obrigou ao Narón a afinar a defensa para facer fronte ao xogo de estratexia dos locais, que xa no minuto 1 de partido lles permitiu anotar o primeiro tanto do partido. Un revés que lonxe de desanimar aos naroneses, levounos a intensificar o traballo tanto en defensa como en ataque e a dispoñer das primeiras ocasións claras de gol á contra que non foron aproveitadas.
O Rábade non mudou a estratexia de partido ata que mediado o primeiro tempo decidiu subir máis a presión de balón e noutra xogada de estratexia anotou o segundo gol, o que obrigou ao adestrador naronés a pedir un tempo morto e reorganizar o partido. E vaia se o fixo, xa que a penas dos minutos máis tarde, nunha boa xogada de pivot , Javi estableceu o 2-1 no marcador.
Cando semellaba que o Cidade ía a máis logo de dúas boas accións de Javi e Guille que a piques estiveron de acabar no fondo das mallas, o Rábade volveu fiar a súa sorte ao xogo de estratexia e anotou o terceiro tanto tras un saque de esquina. Un gol que volveu a abrir brecha no luminoso do Eduardo Villamarín e co que se chegou ao descanso.
No segundo tempo o Cidade saíu a polo partido, subindo liñas e apertando máis a Rábade, ao que lle custou combinar con xogo de pivot e acusou a falta de posesión de balón. E os naroneses con moita máis mobilidade comezaron a acosar a portería local. E nesas chegou o tanto de Guille, que logo dunha estratexia de xogada de córner puxo o 3-2 e meteu a Cidade no partido.
Os de Narón desfrutaron dos mellores minutos de xogo e no 31 chegou o empate obra de Miguel, logo dun gran saque de banda. E a penas uns segundos despois, nunha boa conexión con Luis se puxo por diante a Cidade.
A partir de aquí, os amarelos repregaron liñas e baixaron a media pista mentres que o Rábade seguiu intentándoo con xogadas de estratexia e 1 para 1 en banda pero sen bater a Buxi. Ata que unha perda de balón a falta de cinco minutos para o final, deixou aos de Albes sen balance defensivo e cun xogador menos tras a expulsión de Luis. A situación de superioridade aproveitouna o equipo local que, cun gran tiro exterior, empatou o encontro. E pese a que o intentouno a través das accións de Lucas e de Javi, o encontro rematou con táboas no marcador.
A vindeira fin de semana, o Cidade de Narón pechará o ano xogando na casa ante o Praias de Barreiro. Un partido que dará comezo ás seis do serán.
Ficha técnica:
Galical Rábade FS: Borja, Alejandro, Pablo, David e Xico. Tamén xogaron Iago, David Arias, Rodrigo, Borja Corral e Alejandro Gruñeiro.
Cidade de Narón: Buxi, Lucas, Guille, Diego e Héctor. Tamén xogaron Migui, Pablo, Luis e Javi.
Goles: (1-0) min. 1, Xico; (2-0) min. 15, David; (2-1) min. 17, Javi; (3-1) min. 18, David; (3-2) min. 24, Guille; (3-3) min. 31, Migui; (3-4) min 31, Luis; (4-4) min. 33, Borja Corral.
Árbitros: Sergio Blanco e Héctor Pérez Álvarez (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal Eduardo Villamarín (Rábade)