O Cidade remata o ano con vitoria na casa ante o Praias de Barreiros
-
Logo dun mal primeiro tempo cheo de imprecisións, os naroneses recuperaron o xogo colectivo para apontoar un triunfo con tantos de Guille (3), Migui e Lucas.
Narón, 21 de decembro de 2024.- O Cidade de Narón disputou esta fin de semana o ultimo partido da primeira volta e tamén do ano ante o Praias de Barreiros CD. Un encontro que comezou de costas para os pupilos de Javi Albes, faltos de ideas e con demasiadas precipitacións, pero que souberon repoñerse no segundo tempo e anotar en 10 minutos os 4 tantos que lles deron a vitoria. Os goles do choque foron obra de Guille (3), Migui e Lucas.
O partido arrancou cun Praias de Barreiros moi enchufado, que traballou con moito acerto todas as facianas do xogo mentres que o Cidade non tivo a profundidade desexada en ataque e lle custou ganduxar boas xogadas, grazas tamén á presión dos visitantes en primeira liña. De feito, o partido transcorreu sen moitas concesións por parte dos dous equipos e tentando non cometer erros ata que logo dunha xogada de estratexia do Cidade, o Praias roubou o balón para poñerse por diante no marcador a través do tanto anotado por Semedo.
Os de Narón continuaron sen coller ritmo de partido malia que coa entrada de Iván, os locais gañaron algo de profundidade no xogo. Mesmo chegaron a estrelar dous balóns ao pao, pero os goles non chegaron. E nunha desas, o equipo da Mariña aproveitou de novo as imprecisións dos naroneses e anotou o segundo. Un contratempo que obrigou ao adestrador local a pedir un tempo morto e a buscar alternativas ao xogo despregado polo seu equipo ata ese momento. E cando semellaba que o primeiro tempo ía rematar co 0-2 a favor dos visitantes, chegou o tanto naronés por medio dun disparo lateral de Guille.
O segundo tempo cambiou totalmente o guión do encontro, cun Cidade que buscou a vitoria e para iso aplicou unha maior intensidade ofensiva tanto nos desprazamentos como no xogo co pivot, pechando ao Praias de Barreiros no seu campo. E así foron pasando os minutos, cun Narón volcado en ataque, ata que no minuto 30 Lucas anotou o tanto do empate mediante un gran disparo lateral que puxo na escuadra da portería visitante.
Un gol ao que lle seguiron o de Migui, que chegou tras unha boa xogada colectiva, e os dous de Guille. Catro tantos en dez minutos que serviron para que o Cidade lle dera a volta ao marcador e se anotase unha vitoria que lle permite chegar ao parón de Nadal nos postos medio-altos da táboa clasificatoria e que agarda mellorar os seus díxitos para a segunda volta.
A competición se retomará o sábado 11 de xaneiro no pavillón da Gándara ante o ED Vigo 2015.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Iker, Diego, Héctor, Javi e Guille. Tamén xogaron Buxía, Migui, Pablo, Lucas, Iván e Manu.
Praias de Barreiros CD: Roi, Aarón, Antonio, Semedo e Bruno. Tamén xogaron Anxo, Fabián, Jairo e Santi.
Goles: (0-1) min. 9, Semedo; (0-2) min. 16, Santi; (2-1) min. 19, Guille; (2-2) min. 30, Lucas; (3-2) min. 35, Migui; (4-2) min. 36, Guille; (5-2) min 37, Guille.
Árbitros: Sergio López e Rafael Alberto Tovar (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón).