O Cidade de Narón acada unha valiosa vitoria ante o 5 Coruña FS

  • Os naroneses gañaron 2-4 con tantos de Álex Naveira, Iván, Guille e Lucas e unha férrea defensa

Narón, 22 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón se fixo esta fin de semana coa vitoria no cara a cara que o enfrontou ante o 5 Coruña FS. O partido, celebrado no pavillón San Francisco Javier, rematou cun marcador final de 2-4 grazas aos goles anotados por Álex Naveira, Iván, Guille e Lucas. Tres puntos que lles serven aos de Abel Cernadas para auparse ata o quinto posto da táboa clasificatoria.

O encontro comezou cun claro dominio dos naroneses, que levaron o peso do xogo grazas a unha presión alta e a numerosos roubos de balón. Sen embargo, a acumulación de faltas cando apenas se chegara ao ecuador do primeiro tempo obrigou ao equipo amarelo a retrasar a defensa a media cancha e rebaixar a intensidade da presión. Unha situación que lonxe de afastar as posibilidades do Narón de xerar ocasións de gol, provocou que no minuto 9 Álex Naveira abrise a lata e anotase o primeiro tanto.

Malia o dominio naronés axiña se igualou a balanza e dous minutos despois do gol do Narón, Luis M conseguiu o empate dun rexeite dun tiro afastado. Con empate a un tanto chegou o descanso ao polideportivo coruñés.

O segundo tempo non arrancou ben para os xogadores do Cidade, moi desconcentrados e imprecisos en defensa. Situación que o equipo local soubo aproveitar para adiantarse no marcador no minuto 26 por medio de Pablo Roade.

Este segundo tanto do 5 Coruña serviu para espolear ao equipo naronés que comezou a conectar ben co xogo de pivot e a xerar abondosas ocasións. Ata que no minuto 34 Iván anotou o gol do empate a pase de Lucas. Un tanto que deu moitísima confianza ao seu equipo e que provocou que no 35 Guille anotase o 2-3 cun tiro afastado. E un minuto despois foi Lucas, logo dun roubo de balón, o que bateu cun forte disparo por riba ao meta coruñés.

O 5 Coruña tentou recortar distancias con xogo de cinco para catro que os naroneses souberon defender á perfección.

O vindeiro fin de semana A Gándara acollerá, a partir das sete da tarde, o choque entre o Cidade e o Baiña FS.

Ficha técnica:

5Coruña FS: Jorge, Marco, Víctor, Jairo e Luis M. Tamén xogaron Diego, Daniel, Álvaro, Pablo Roade, Pablo Martínez e Yerai.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego Vázquez, Pablo e Guille. Tamén xogaron Buxía, Iván, Lucas, Álex Naveira, Brais e Diego Rey.

Goles: (0-1) min. 9, Álex Naveira; (1-1) min. 11, Luis M.; (2-1) min. 26, Pablo Roade; (2-2) min. 34, Iván; (3-2) min. 35, Guille; (4-2) min. 36, Lucas.

Árbitros: Saúl Cabo González e Rafael Alberto Tovar Rodríguez (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM San Francisco Javier (Coruña)