O Cidade de Narón suma os tres primeiros puntos ante o Cidade das Burgas
-
Os naroneses bordaron un segundo tempo no que Juan Caínzos, Guille e Iván, con dous tantos, foron os goleadores da xornada
Narón, 30 de setembro de 2023.- O Cidade de Narón sumou este sábado os tres primeiros puntos da tempada tras impoñerse por 4-1 a un Cidade das Burgas que lle plantou cara aos naroneses e que mesmo se adiantou no marcador no minuto 15 do primeiro tempo. Sen embargo, a segunda parte pasoulle factura a nivel físico ao equipo que adestra Pablo Gómez, sufrindo ante un rival crecido que acabou coas súas aspiracións de vitoria por mor dos tantos de Juan Caínzos, Guille e Iván, en dúas ocasións.
O partido comezaba cun xogo moi parexo, no que aos de Narón lles duraba pouco o balón nos pés mentres que o Cidade das Burgas impoñía unha defensa intensa que lle permitía roubar o coiro e saír entre liñas da presión dos naroneses. Os de Abel Cernadas foron de menos a máis e dispuxeron de varias ocasións claras que nin Juan, nin Diego, nin Iván finalizaron con acerto.
Pero no minuto 18 chegou o primeiro tanto do partido, logo dunha moi boa contra na que Ron se plantou diante da meta defendida por Fer Combarro e anotou o 0-1 co que se chegou ao descanso.
No segundo tempo, os ourensáns mantiveron o tipo durante os primeiros minutos de partido, pero pouco a pouco o Narón se foi rearmando a través dun bo xogo colectivo en longo e unha maior posesión de balón. E no minuto 32 Iván abriu a lata co gol do empate.
A partir dese momento, chegou o dominio naronés con xogadas de estratexia e xogo con pivot que permitiu que no minuto 34 Guille anotase o segundo e dous minutos despois fixese o propio Juan Caínzos. A guinda a poñía Iván no minuto 37. Un cuarto tanto co que se pechou o marcador na Gándara.
Ao final, marcador de 4-1 para os locais. Un resultado que fai xustiza ao xogo despregado no segundo tempo polos de Narón e ao bo espectáculo que ambos equipos ofreceron aos aficionados que acudiron esta fin de semana á Gándara.
A vindeira semana, o Cidade de Narón viaxará ata a provincia lucense para xogar co Rábade FS.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Fer Combarro, Juan Caínzos, Iván, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Buxía, Álex Piñón, Lucas, Álex Naveira, Pablo Cotelo e Diego Rey.
Cidade das Burgas: Andrés, Ángel, Pablo, Ron e Neira. Tamén xogaron Fabián, Diego, Gonza, Guerra y Rodri.
Goles: (0-1) min. 18, Ron; (1-1) min. 32, Iván; (2-1) min. 34, Guille; (3-1) min. 36, Juan Caínzos; (4-1) min. 37, Iván.
Árbitros: Adrián García López e Sergio López Ramudo (C.T.A. Galego).
Pavillón: PM A Gándara (Narón)