O bo traballo defensivo permite ao Cidade de Narón volver de Guititiz cunha importante vitoria

  • O equipo que dirixe Javi Albes soubo sufrir para traerse os tres puntos de terras lucenses ante un rival que loitou ata o último segundo

  • Guille e Javi foron os encargados de anotar os tantos do equipo naronés, nun encontro no que Miguel volvía ás canchas tras recuperarse da súa lesión na man e Guille non acabou o partido logo de sufrir unha escordadura no seu xeonllo dereito

Narón, 12 de outubro de 2024.- Vitoria sufrida pero merecida a que se trouxo o Cidade de Narón esta fin de semana de terras lucenses. O encontro correspondente á quinta xornada de liga da Terceira División Nacional que enfrontou aos naroneses co Korreo Guitirz rematou co triunfo visitante, grazas a un gol de Javi nos últimos segundos. O partido supuxo a volta ás pistas de xogo de Miguel, recuperado xa da lesión na súa man dereita, pero deixou como nota negativa a escordadura no xeonllo dereito de Guille que, logo de anotar dous tantos, non puido acabar o partido.

O encontro comezou cun ritmo moi alto, onde o Cidade saíu a presionar ao rival. Unha presión que durante os primeiros cinco minutos de encontro impediu aos locais saír coa bola xogada. A elo sumáronse as numerosas perdas de balón do Korreo no inicio da elaboración, que aproveitou o equipo naronés con xogada de estratexia para poñerse por diante no minuto 2 grazas ao gol de Guille.

Con 0-1 no luminoso do Jonathan Carro, o Korreo subiu liñas e intensidade defensiva, o que sumado a unha certa permisividade do equipo arbitral nos contactos, conseguiu incomodar ao equipo amarelo, que viu como no minuto 8 Asier empataba o partido logo dun rexeite na área naronesa.

Mediado o primeiro tempo, era o equipo da casa o que máis opcións tiña co balón en xogo, mentres que ao Cidade lle costaba conectar co seu xogador máis avanzado. E foi entón cando os locais pasaron a xogar cun pivot claro e balóns directos para obrigar ao Cidade a repregarse.

Non lle quedou outra ao equipo naronés que facer cambios e así puido gozar de varias boas ocasións por medio de Guille e de Javi. Pero foi Fer o que salvou o marcador con dúas boas coberturas defensivas.

O segundo tempo arrancou cun Guitiriz que saíu á cancha sen especular e cunha presión en ¾ de pista. Pola súa parte, o Cidade conseguiu ter máis posesión de balón pero sen xerar demasiado perigo na portería visitante. Ata que unha boa acción de Guille no pivot aproveitando un pase de Héctor puxo o 2-1 no marcador.

O equipo de Albes repregou liñas e chegaron uns minutos con moito ritmo de xogo e menos perdas de balón e no que Asier volveu a poñer o empate no marcador do Jonathan Carro.

Así chegou o encontro á recta final, con dous equipos que se prepararon para xogar o 5 para catro: o Narón co obxectivo de frear o ritmo de xogo logo de sumar a quinta falta; e o Guitiriz para tentar facerse coa vitoria. Pero a piques de soar a bucina e logo de varias accións defensivas, o Cidade conseguiu despexar un balón que caeu nos pés de Javi e anotou o gol da vitoria.

O vindeiro fin de semana o Cidade xogará na casa contra o 5Coruña.

 

Ficha técnica:

O Korreo Guitiriz: Martín, Alberto, Diego Carreira, Diego Fernández e Daniel. Tamén xogaron Xabier, Asier, Antón, Diego López, David, Jacobo e Adrián.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Luis. Tamén xogaron Buxía, Pablo, Lucas, Javi, Lautaro e Miguel.

Goles: (0-1) min. 2, Guille; (1-1) min. 8, Asier; (1-2) min. 24, Guille; (2-2) min. 26, Asier; (2-3) min. 39, Javi.

Árbitros: Sergio Blanco e David Kumor (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Jonathan Carro (Guitiriz)

Reparto de puntos entre o Cidade de Narón e o Carballiño na Gándara

  • Os xogadores naroneses non foron capaces de apontoar o resultado malia as ocasión que tiveron para abrir distancias no marcador

  • Lucas e Iván foron os anotadores da xornada por parte do equipo local

Narón, 5 de outubro de 2024.- O Cidade de Narón non pasou do empate no encontro disputado contra o Carballiño na casa correspondente á cuarta xornada da Terceira División Nacional de Fútbol Sala. Un partido no que os dous equipos xogaron moi intensos desde o primeiro minuto e propuxeron un xogo rápido que deixou moitas e moi boas ocasións de gol. Sen embargo, a boa actuación dos porteiros ao longo dos corenta minutos de partido impediu que o resultado fose máis abultado.

O partido comezou con moita igualdade. Mentres o equipo ourensán buscou o un para un desde o primeiro minuto, o Cidade foise facendo coa posesión do balón. Ata que un erro nun control logo dun saque de banda, propiciou o primeiro tanto do equipo visitante.

O equipo naronés subiu liñas e apertou a un Carballiño que non era capaz de saír con solvencia do seu campo. E foron chegando as ocasión máis claras para os naroneses ata que tras un saque de banda, Lucas puxo un balón na escuadra que valeu o empate. Un tanto que deu confianza ao equipo de Javi Albes que volveu desfrutar de novas ocasións para adiantarse no marcador pero sen fortuna.

O segundo tempo arrancou cun Cidade que redobrou a intensidade defensiva e foi acurralando a Carballiño no seu campo. Esta presión permitiu que os naroneses tiveses varias ocasión claras para anotar. Mentres, o Carballiño tentou saír á contra e coller as costas dos naroneses pero a boa actuación de Buxía, que desbaratou as chegadas do Carballiño, mantivo ao Cidade no partido. Ata que no minuto Iván aproveitou un rexeite para adiantar ao Cidade e poñer o 2-1.

O Carballiño intentou subir liñas pero os naroneses estaban ben plantados na pista e dispuxeron de dúas ocasión claras por medio de Iván e Javi que non materializaron. E nos dous últimos minutos de partido, o Carballiño, con xogo de 5 para 4, aproveitou un balón en longo para meter ao segundo pao e bater a Buxía.

Con empate a dous tantos rematou un partido no que o Cidade fixo méritos para facerse coa vitoria e na que o Carballiño soubo aguantar.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Luis. Tamén xogaron Buxía, Pablo, Lucas, Iván, Javi, Lautaro e Paulo.

Carbaliño FS: Mateo, Hugo, Édgar, Arturo e Óscar. Tamén xogaron Eric, David, Xosé Lois, Samuel e Antonio.

Goles: (0-1) min. 3, Óscar; (1-1) min. 18, Lucas; (2-1) min. 30, Iván; (2-2) min. 39, Samuel.

Árbitros: Nicolás Villegas e Martín Díaz (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón A Gándara (Narón)

Dura derrota do Cidade de Narón na súa visita ao Marín Futsal

  • Os xogadores naroneses estrelaron ata 6 balóns ao pao mentres que os locais converteron as poucas ocasións das que dispuxeron nos 40 minutos de xogo

  • Javi anotou o único tanto do equipo, que a vindeira semana xogará na Gándara ante o Carballiño FS

Narón, 29 de setembro de 2024.- O Cidade de Narón volveu sen puntos da súa visita a Marín malia o traballo realizado e as abondosas ocasións coas que contou. Ata 6 balóns ao pao estrelaron os xogadores naroneses que o intentaron unha e outra vez ao longo dos 40 minutos de partido pero que viron como os locais converteron as poucas ocasión 

 

das que dispuxeron, o que lles serviu para rematar o encontro cun 5-1 que non fai xustiza ao visto no Pavillón O Sequelo. O único tanto dos amarelos foi obra de Javi.

O equipo que adestra Javi Albes saltou a unha pista excesivamente sucia e esvaradiza que dificultou e moito as accións defensivas do Cidade. Mentres, os locais arrancaron o partido con máis posesión de balón pero moi pouca profundidade.

O Cidade creaba perigo co xogo de pivot e xerou as primeiras dúas accións claras de gol con dous tiros ao pao. Ata que unha perda de balón foi ben aproveitada nunha contra polo Marín para poñerse por diante no marcador.

Os de Narón mantiveron a calma e incrementaron a posesión de balón e nunha xogada de esquina Javi puxo o empate no marcador.

O partido continuou na mesma tónica: o Marín circulaba o balón pero sen profundidade e o Cidade agardaba sen presa a ocasión de saír á contra. Pero nun saque de esquina e tras unha xogada desafortunada na que os xogadores naroneses non atallaron un balón que saíu en botes tras unha volea, o Marín anota o nunha volea do equipo local tras un saque de córner pon o 2-1.

O Cidade aínda gozaría dunha nova oportunidade antes de chegar ao descanso cun tiro de Lucas que bateu no pao.

O segundo tempo empezou cun Cidade máis agresivo e cun obxectivo claro: acurtar distancias. Pero unha xogada polémica, na que o equipo arbitral considerou que un balón do Marín en paralela non saíra por banda, acabou chegando ao segundo pao para que os locais aumentaran a vantaxe no marcador.

Descentrouse o equipo naronés porque malia a superioridade no xogo, non se reflectía no resultado. Aínda así, tentou subir liñas e embotellar ao Marín. Pero a sorte estivo de costas esta xornada e nunha contra, os locais anotaron o 4-1.

O Cidade non baixou os brazos e volveu contar con varias ocasións claras de gol: un tiro ao pao novamente de Lucas, un man a man entre Diego e o porteiro do Marín e unha vaselina de Javi que os locais acabaron sacando cando estaba a piques de cruzar a liña de portería.

Nos últimos minutos do encontro, o Cidade decidiu arriscar con xogo de 5 para 4 e continuaron chegando as oportunidades para recortar distancias, pero sen fortuna. E a piques de sonar a asubío final no Sequelo, unha boa combinación dos xogadores locais puxo o 5-1 definitivo.

O vindeiro sábado o Cidade de Narón xogará na Gándara ao o Carballiño.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Pablo. Tamén xogaron Buxía, Lucas, Javi, Lautaro e Manu.

Marín Futsal: Ángel, Diego Basilio, Diego Budiño, Martín e Fernando. Tamén xogaron Asier, Luis, Samuel, Badre, Yago, Aitor e Roberto.

Goles: (1-0) min. 4, Yago; (1-1) min. 6, Javi; (2-1) min. 14, Luis; (3-1) min. 21, Diego Basilio; (4-1) min. 28, Samuel; (5-1) min. 39, Luis.

Árbitros: Sergio López Riveiros e Héctor Pérez Álvarez (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón O Sequelo (Marín)

O Cidade de Narón cae pola mínima na súa estrea na Gándara

  • O equipo naronés gozou de numerosas ocasións ao longo de todo o encontro que non foi quen de materializar

  • Esta fin de semana os naroneses viaxan a Marín onde loitarán por traerse os tres puntos para casa

Narón, 25 de setembro de 2024.- O Cidade de Narón caeu derrotado por 1-2 ante o Sport Sala Culleredo na segunda xornada da Liga Nacional da Terceira División de Fútbol Sala. Os pupilos de Javi Albes non puideron estrearse con vitoria na casa malia que o intentaron de todos os xeitos, pero os paos nunhas ocasións e o porteiro visitante noutras, impediron que o resultado final caese do lado dos de Narón. Ao final os tres puntos se marcharon para Culleredo, nun encontro no que Javi anotou o gol do Cidade.

O primeiro tempo arrancaba con dous equipos moi intensos, con un Sport Sala que intentaba o xogo de un para un, e un Cidade que recorría ao xogo de pivot e ás xogadas de estratexia. O partido mantivo a igualdade no marcador ata que no minuto 19, Óscar anotou o tanto do Sport Sala logo dun erro dos locais na saída de balón tras un mal control.

O Cidade aumentou entón o ritmo de traballo, subiu liñas e imprimiulle máis ritmo ao xogo, o que permitiu aos naroneses dispor de varias ocasións claras de gol, mentres que o equipo do Sport Sala se acercou á portería defendida por Fer Combarro con certo perigo pero sen anotar. E así chegaba o descanso ao municipal da Gándara.

A segunda parte tivo outra cor. Os de Narón elevaron a presión mentres que os visitantes buscaron as costas dos locais xogando máis balóns en longo pero sen renunciar ao control da pelota.

As ocasións se sucederon para o Cidade pero nun rexeitamento logo dunha contra, o Sport Sala anotou o 0-2 o que obrigou ao adestrador naronés a pedir un tempo morto e sair con xogo de 5 para catro. Os últimos tres minutos foron de asedio sobre a portería visitante e serviron para que Javi anotara o único tanto local nunha xogada de tiraliñas con gol ao segundo pao.

Este sábado o Cidade de Narón desprazarase a terras pontevedresas para xogar ante o Marín Futsal.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Javi e Iván. Tamén xogaron Iker, Lucas, Héctor, Pablo, Manu, Nico e Lautaro.

Sport Sala Culleredo: Jaime, Fernando, Pazos, Víctor e Daniel. Tamén xogaron Ignacio, Javier, Oscar, Brais, Roberto e Álvaro.

Goles: (0-1) min. 19, Óscar; (2-0) min. 38, Brais; (1-2) min. 38, Javi.

Árbitros: Carlos Jesús González e Rafael Alberto Tovar (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)

O Cidade de Narón arranca a tempada cunha vitoria ante o ED Vigo

  • Os naroneses, que foron de menos a máis, remontaron un 2-0 en contra grazas aos tantos anotados por Iván (3) e Javi

  • A vindeira semana recibirán ao Sport Sala Culleredo na Gándara

Narón, 16 de setembro de 2024.- O Cidade de Narón arrancou unha nova temporada na Terceira División Nacional cunha importante vitoria ante o ED Vigo 2015. Primeiro test para os naroneses que renovan plantel coas incorporacións de Miguel Caeiro, Javier López e Héctor Corgo, dous xogadores que volven á que foi a súa casa.

O Cidade sumou tres puntos importantes ante un rival que callou unha moi boa actuación a temporada pasada pero que este sábado se atopou cun Iván moi acertado de cara a porta xa que en menos de 10 minutos anotou tres tantos que puxeron ao Cidade por diante no marcador. Javi, que volvía a vestir a elástica naronesa, anotou o cuarto e definitivo tanto do equipo amarelo para poñer un 3-4 no marcador final.

O primeiro tempo arrancou con dous equipos moi prudentes nos seus plantexamentos, sobre todo en ataque, con defensas en media pista e sen tomar demasiados riscos. Sen embargo, dous erros dos naroneses no seu afán por ter a posesión do balón fixeron que o ED Vigo se fora ao descanso cun 2-0 ao seu favor. Un resultado moi cómodo para os locais e logo de varias ocasións erradas polo Cidade.

Pero a segunda parte ía ter cor amarela. Os naroneses saíron do vestiario coas ideas moito máis claras e con gañas de recortar distancias. Os pupilos de Javi Albes subiron liñas e intensificaron a presión sobre os locais que responderon con balóns á contra. Pero un acertadísimo Buxía desbaratou unha e outra vez as arremetidas dos vigueses.

E chegou a remontada do Cidade. En menos de dez minutos Iván foi quen de darlle a volta ao luminoso do Universitario Cuvi con dous tiros exteriores que bateron ao porteiro vigués e un terceiro tanto ao segundo pao logo dunha gran combinación en ataque con pase de Lucas a Diego que enviou ao segundo para que Iván o empurrara ao fondo das mallas.

O cuarto e definitivo tanto dos naroneses foi obra de Javi, que aproveitou un erro dos locais no xogo de 5 para 4.

O partido rematou co marcador final de 3-4 para os de Narón. Un resultado que permite aos amarelos sumar os tres primeiros puntos desta temporada e coller confianza no inicio de liga.

O vindeiro sábado o Cidade de Narón estrearase na casa ante o Sport Sala Culleredo.

Ficha técnica:

ED Vigo: Joel, Miguel, Samuel, Óscar e Manuel. Tamén xogaron Alberto, Lucas, Jorge, Tomás, Javier e Carlos.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Javi e Miguel Caeiro. Tamén xogaron Buxía, Lucas, Iván, Héctor e Pablo.

Goles: (1-0) min. 14, Tomás; (2-0) min. 19, Javier; (2-1) min. 23, Iván; (2-2) min. 25, Pablo Iván; (2-3) min. 31, Iván; (2-4) min. 38, Javi; (3-4) min.39, Samuel.

Árbitros: Adrián González e Alexander Weber (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Universitario Cuvi (Vigo)

O Cidade de Narón cae pola mínima na Gándara ante o Ribeira FS

  • Os naroneses non tiveron a sorte de cara e acabaron caendo por 2-3 logo de dous erros no treito final do partido

Narón, 25 de novembro de 2023.- Xornada aciaga para o Cidade de Narón que caeu na Gándara por 2-3 ante o Ribeira FS cando tiña encarrilado o encontro grazas aos tantos de Juan e Diego Vázquez. Dous erros no treito final do partido condenaron aos naroneses a xogarse os 3 puntos coa estratexia de porteiro-xogador pero sen sorte e malia dispoñer de varias ocasións claras de gol.

O encontro comezou cun Ribeira firme en defensa e un Cidade cun ritmo de traballo intenso que aguantaba ben as arremetidas dos visitantes. Unha tónica que rachou co gol de Juan mediado o primeiro tempo, logo dunha boa estratexia de falta.

Co marcador de cara, o Cidade se acomodou na cancha pero nunha xogada illada o Ribeira empatou o encontro grazas a un gran tiro de Quintela que entrou por toda a escuadra da portería naronesa.

O primeiro tempo acabou cos dous equipos moi intensos en defensa e xogando ao límite por mor da acumulación de faltas. E con varias ocasións para ambos que tanto Arenas no equipo visitante como Fer Combarro no local desbarataron para manter ao seus equipos no partido.

O segundo tempo arrancou cun Cidade plantado en media cancha e especulando co resultado mentres que o Ribeira levaba o peso do xogo. E chegaron as ocasións para os locais con varios man a man de Álex Naveira e Lucas que non converteron e un golazo de Diego Vázquez desde fóra. O Ribeira tamén dispuxo dunha boa ocasión cun tiro ao pao.

Pero se algo fixo cambiar o sino do encontro foi o gol en propia porta de Guille no minuto 28, logo dunha falta ao bordo da área e un despexe que pegou no xeonllo do xogador naronés para acabar no fondo das mallas. Un tanto que subiu ao marcador e que obrigou aos xogadores amarelos a ir a polos tres puntos. E malia a dispoñer de varias superioridades en ataque o Cidade non foi capaz de convertelas en tantos. E nesas andaban os amarelos cando chegou o terceiro do Ribeira obra de Javi tras un mal despexe de Buxía.

Dúas accións illadas que puxeron aos de Narón por debaixo no marcador e que os obrigaron a asumir máis riscos se cabe recorrendo ao xogo de porteiro-xogador. Catro minutos intensos con boas ocasións de Diego, Lucas e Juan que non souberon aproveitar. E tres puntos que se escaparon da Gándara e que fan que o Cidade rebaixe as súas expectativas na táboa clasificatoria.

Ao remate do partido, Javi Albes resumía o choque entre dous equipos “moi parellos, con experiencia en categorías superiores, intenso e pouco lucido pero con moito traballo e onde a mala sorte se aliou co Cidade para impedirnos sumar tres puntos moi importantes na casa”.

A vindeira xornada, o Cidade de Narón viaxará a Guitiriz para enfrontarse a O Korreo de Christian Díaz.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Diego, Juan, Pablo e Guille . Tamén xogaron Álex Naveiras, Luis, Álex Piñón, Lucas, Diego Rey e Buxía.

Ribeira FS: Arenas, Cisco, Quintela, Pablo Díaz e Antón. Tamén xogaron Fran, Javi, Christian, Losada, Illi e Gabri.

Goles: (1-0) min. 10, Juan Caínzos; (1-1) min. 11, Quintela; (2-1) min. 21, Diego Vázquez; (2-2) min. 28, Guille (PP); (2-3) min. 35, Javi.

Árbitros: Eloy Bello e Saúl Cabo (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM da Gándara (Narón)

O Cidade deixase tres novos puntos en Outeiro de Rei

  • Os naroneses, que acusaron falta de intensidade no segundo tempo, a piques estiveron de empatar o encontro nos últimos compases pero sen fortuna e acabaron caendo por 5-3

Narón, 18 de novembro de 2023.- O Cidade de Narón deixouse tres novos puntos, esta vez no choque correspondente á décima xornada ante o Outeiro de Rei. Os naroneses chegaron ao descanso cunha vantaxe pola mínima, sen embargo a falta de intensidade defensiva nos primeiros minutos do segundo tempo acabaron condenando aos amarelos que perderon por 5-3. Os tantos dos naroneses saíron das botas de Álex Naveira, Lucas e Brais.

A primeira parte arrancou cun Cidade ben plantado na cancha e moi acertado en defensa e un Outeiro de Rei cun xogo moi directo en ataque a través do seu pivot. A intensidade e velocidade nos desprazamentos dos locais fixeron que o Cidade sufrira máis do que debera ao inicio do partido. De feito, o Outeiro deu o primeiro aviso cun tiro de José López ao traveseiro. Unha xogada que espoleou aos naroneses, que logo dispuxeron de varias oportunidades claras para abrir o marcador: a primeira, un man a man de Lucas que non definiu; logo viría un tiro de Guille que chapou o porteiro local, e, de seguido, unha boa acción de Naveira que tampouco conseguiu materializar.

Os locais responderon cunha boa acción á saída dun saque de esquina que foi desbaratada por Fer e, a continuación, chegou o tanto naronés, grazas a unha boa contra que rematou Álex Naveira. Con vantaxe por 0-1 no luminoso se chegou ao tempo de descanso.

No segundo tempo, o Outeiro saíu con moito máis ritmo e malia que o Cidade semellou manter o control defensivo, un tiro exterior de Óscar puxo o empate. E, a penas, un minuto despois, unha saída desafortunada do porteiro naronés, permitiu aos locais poñerse por diante no marcador. Dous tantos que precederon aos que logo anotaron Óscar de novo e David nuns primeiros minutos da segunda parte para esquecer.

Así as cousas, ao Cidade non lle quedou outra que ir a polo partido e a falta de dez minutos os naroneses apostaron polo xogo de cinco para catro. Unha estratexia que axiña deu os seus froitos, xa que dous bos tantos de Lucas dentro da área e Brais desde o borde dun punteirazo, achegaron aos de Narón no marcador.

O Cidade de Narón dispuxo dalgunha que outra ocasión para empatar o encontro pero un balón en longo que non conseguiu controlar Pablo Cotelo facilitou o quinto tanto dos locais.

Ao remate do partido, Javi Albes apuntou “á falta de tensión defensiva do arranque do segundo tempo”- como a principal causa da derrota naronesa, ante un “bo” Outeiro de Rei.

O vindeiro sábado os amarelos xogarán na casa ante o Ribeira FS.

Ficha técnica:

Outeiro de Rei: Antonio, José López, Óscar, Diego e David. Tamén xogaron Arturo, Brais, Rodrigo, Edu, Pablo e Mauro.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego, Brais e Pablo. Tamén xogaron Álex Naveiras, Lucas, Juan Caínzos, Guille e Diego Rey.

Goles: (0-1) min. 19, Álex Naveira; (1-1) min. 28, Óscar; (2-1) min. 28, David; (3-1) min. 29, Óscar; (4-1) min. 30, David; (4-2) min. 35, Lucas; (4-3) min.37, Brais; (5-3) min. 38, Mauro .

Árbitros: Franco Alvaro Campagnoli e Nicolás Villegas(C.T.A. Galego).

Pavillón: PM Outeiro de Rei (Outeiro de Rei)

O Cidade rompe a súa racha de vitorias ante un Pazos máis efectivo

  • Os xogadores naroneses non foron quen de rematar un encontro no que comezaron marcando e que ademais deixou as lesións de Guille, Brais e Iván

 

 

 

 

 

 

Narón, 11 de novembro de 2023.- O Cidade de Narón rompeu este sábado a súa racha de vitorias e acabou caendo ante un Pazos de Borbén que, sen xerar grandes ocasións, resultou máis efectivo nos metros finais. Os xogadores amarelos comezaron marcando a través do tanto que anotou Álex Naveira no minuto 7 e malia que gozaron de abondosas ocasións ao longo dos 40 minutos de xogo non foron quen de rematar o choque. O partido finalizou co marcador de 1-3 e coa mala nova das lesións de Guille, Brais e Iván.

O partido tivo unha tónica única nos dous tempos nos que o Cidade traballou máis en presión alta e Pazos agardou en media cancha. Cada equipo tentou empregar as súas armas e malia que os naroneses se adiantaron no marcador a través do gol de Naveira tras unha boa contra, un erro na saída de balón primeiro e unha falta próxima ao bordo da área despois puxeron aos ourensás por diante no marcador.

Logo do descanso e coa vantaxe ao seu favor, Pazos gañou en confianza. Mentres, o Cidade tentouno de todos os xeitos ata que acabou por recorrer á estratexia de porteiro-xogador coa que dispuxo de ocasións claras que non soubo materializar. Nos últimos segundos de partido, Pazos remataba o encontro cun tiro a porta baleira co que poñía o 1-3 definitivo.

Ao remate do encontro, o adestrador naronés lamentaba “que se nos teñan escapado tres puntos importantes para afianzarnos nos postos de cabeza nunha liga que se amosa moi igualada”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego, Pablo e Brais. Tamén xogaron Álex Naveiras, Lucas, Iván, Juan Caínzos e Buxía.

Pazos de Borbén: Mera, Simón, Diego, Fredo e Martín.Tamén xogaron Amoedo, Luis, Jorge, Pablo e Xandre.

Goles: (1-0) min. 7, Álex Naveira; (1-1) min. 10, Luis; (1-2) min. 17, Martín; (1-3) min. 40, Fredo.

Árbitros: Álvaro Cambeiro e Sergio López (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM da Gándara (Narón)

O Cidade de Narón tráese os tres puntos da súa visita a Barreiros

  • Os xogadores de Abel Cernadas continúan coa boa dinámica das últimas xornadas e vencen con comodidade ao Praias por 2-5 con goles de Brais (2), Lucas, Cotelo e Álex Naveiras

 

 

 

 

 

 

 

 

Narón, 4 de novembro de 2023.- O Cidade de Narón venceu con comodidade ao Praias de Barreiros no choque que os enfrontou esta fin de semana a domicilio. Os pupilos de Abel Cernadas controlaron o xogo desde o primeiro minuto de partido e axiña abriron brecha no marcador grazas aos tantos anotados por Brais, Cotelo e Lucas. O segundo tempo non fixo máis que afianzar a vitoria dos naroneses, que remataron o partido cun marcador de 2-5.

O encontro comezou cun Praias de Barreiros con grande intensidade no xogo e posesións de balón moi longas, pero con pouca profundidade. Os naroneses, pola súa banda, comezaron de menos a máis, defendendo ben as longas posesións dos locais. Pero coa segunda rotación do equipo naronés, na que entraron Brais, Lucas, Álex Naveiras e Juan Caínzos, aumentou o ritmo do xogo. O tándem formado polo capitán amarelo e Lucas resultou letal e dúas boas combinacións permitiron ao 11 naronés anotar os dous primeiros tantos do partido logo de dúas grandes finalizacións. A primeira chegaba no minuto 6 dentro da área local, picándolle o balón ao porteiro do Barreiros na súa saída; e a segunda, tres minutos despois, cun gran tiro lateral ao segundo pao.

Cidade xogaba con intensidade, movía o banco e o Barreiros non lograba achegarse á meta de Fer Combarro malia que o intentou a base de estratexia pero tamén de tiros exteriores sen moito perigo. E no minuto 14, Pablo Cotelo anotou o terceiro tanto naronés tras controlar un tiro en longo e mandar o balón ao fondo das mallas locais.

Co marcador a favor, o Cidade gañou en confianza e no minuto 17 Lucas, nunha boa acción individual en banda poñía o 0-4 no luminoso de Barreiros grazas a un gran tiro coa perna esquerda. Un marcador a favor dos naroneses co que se chegou ao descanso.

O segundo tempo tivo outra tónica. O Praias de Barreiros resultou máis incisivo no xogo a través de accións individuais e varios tiros exteriores de Semedo con moito perigo para un Cidade que non amosaba a fluidez do primeiro tempo. Volveron as posesións longas sen a penas faltas, poucas perdas de balón e tamén poucos contraataques, o que provocou que o Narón se acomodase en media cancha.

O Praias apostou entón pola estratexia de porteiro-xogador que traballou moi ben e que lles permitiu dispoñer de varias ocasións claras que Fer desbaratou mantendo ao seu equipo a cero. Ata que un gran tiro exterior de Semedo no minuto 35 puxo o 1-4 no marcador e obrigou aos naroneses a subir a defensa e a presión para incomodar aos locais e que non se achegaran máis no marcador. E axiña chegaron os froitos, xa que un minuto máis tarde unha boa combinación entre Diego e Álex Naveiras permitiu a este último anotar o 1-5.

Praias seguiuno intentando con 5 para 4 pero o Cidade non se escondeu e presionou o xogo de superioridade dos locais ata que nunha xogada con varios rebotes dentro da área naronesa, Jairo marcou o segundo tanto dos locais.

Os últimos dous minutos de partido logo do tanto do Barreiros se xogaron sen moitos sobresaltos e o marcador final de 2-5 reflectiu a superioridade naronesa. Un Cidade de Narón que xestionou a súa eficacia de cara a porta no primeiro tempo e que se trae tres puntos moi importantes para manterse unha semana máis nos postos de cabeza.

Ficha técnica:

Praias de Barreiros: José Luis, Aarón, Semedo, Miguel e Christian M. Tamén xogaron Adelson, Borja, Isaías, Jairo e Sergio.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego, Pablo e Guille. Tamén xogaron Álex Naveiras, Lucas e Juan Caínzos.

Goles: (0-1) min. 6, Brais; (0-2) min. 9, Brais; (0-3) min. 14, Pablo; (0-4) min. 17, Lucas; (1-4) min. 35, Semedo; (1-5) min. 36, Álex Naveiras; (2-5) min. 38, Jairo.

Árbitros: Adán Cabo e Carlos Jesús González (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM de Barreiros (Barreiros)

O Cidade de Narón desfruta dunha nova vitoria ante o Baiña FS

  • Os locais volveron sumar +3 logo dun gran traballo de todo o equipo con goles de Diego Vázquez, Guille e Iván

 

 

 

 

Narón, 28 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón sumou tres novos puntos ao seu caixón logo de impoñerse por 3 tantos a 2 ao Baíña FS no encontro disputado esta fin de semana na Gándara. Os naroneses realizaron un partido moi completo e malia que no segundo tempo os de Javier Vidal pisaron o acelerador, finalmente a vitoria caeu do lado do Cidade con tantos de Diego Vázquez, Guille e Iván.

O partido arrancou cun Narón que desfrutaba do control do xogo mentres que o Baíña, en media cancha, agardaba a ocasión de saír con balóns en longo. Os naroneses o tentaron de todos os xeitos, con moitas e moi boas oportunidades, como o tiro ao traveseiro de Luis ou os man a man de Iván… pero o porteiro visitante repeleu todos os tiros dos naroneses. E na portería contraría, Fer a penas se tivo traballo. Co marcador a cero se chegou ao descanso.

No segundo tempo o Cidade tentou poñer terra de por medio pero non foi quen de facelo ata que no minuto 25 Diego Vázquez anotou o primeiro. Cando semellaba que o Cidade tiña o control do partido, chegou o tanto do Baíña, obra de Rodri, que bateu de tiro cruzado a Buxía.

A partir dese momento, os naroneses tentaron recuperar a vantaxe no marcador pero un novo tanto, a penas un minuto despois, puxo ao equipo visitante por diante. E o Cidade, lonxe de baixar os brazos, imprimiu máis intensidade ao seu xogo, recuperou o traballo co pivot e nunha gran acción individual, Guille conseguiu bater a Pedro.

O empate a dous tantos no luminoso naronés aguzou ao Cidade que subiu a intensidade do seu xogo mentres que o Baíña se pechou en defensa aguantando as arremetidas locais.

Esa grande intensidade de xogo por parte dos dous equipos no segundo tempo fixo que ambas escuadras acumulasen cinco faltas. Pero a balanza se inclinou do lado naronés, xa que a sexta falta dos visitantes a falta de 8 segundos para o pitido final, permitiu a Iván poñer o 3-2 definitivo. Tres puntos que se quedan na casa, grazas ao gran traballo despregado polos xogadores de Abel Cernadas ante un Baíña que tamén disputou un bo encontro.

Con esta nova vitoria, os naroneses se manteñen na parte media alta da táboa clasificatoria. A vindeira xornada viaxarán a terras luguesas para xogar contra o Praias de Barreiros.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego Vázquez, Pablo e Guille. Tamén xogaron Buxía, Álex Naveira, Alejandro Piñón, Lucas, Iván, Juan e Diego Rey.

Baiña FS: Pedro, Rodri, Víctor, Ismael e Fran. Tamén xogaron Diego, Javier e Sergio.

Goles: (1-0) min. 25, Diego Vázquez; (1-1) min. 26, Rodri; (1-2) min. 27, Javier; (2-2) min. 29, Guille; (3-2) min. 39, Iván.

Árbitros: Adrián García López e Sergio López Ramudo (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM A Gándara (Narón)