O Cidade de Narón suma a terceira vitoria consecutiva ante o ADFS Bueu

  • Os naroneses, malia as baixas de Buxía e Fer Combarro na porta, e dos xogadores Javi, Guille, Luis e Paulo, formularon un partido moi práctico que gañaron po 3-1 grazas aos tantos de Pablo e Lucas (2)

Narón, 1 de decembro de 2024.- O Cidade de Narón sumou esta fin de semana a súa terceira vitoria consecutiva ante o ADFS Bueu grazas aos tantos anotados por Pablo e Lucas (2) e malia as numerosas baixas que presentaron os locais para este encontro: Fer Combarro e Buxía na portería e os xogadores Javi, Guille, Luis e Paulo. Os naroneses formularon un partido moi práctico ante un equipo visitante que aterrou na Gándara cun sistema de xogo definido e coas ideas claras, pero que se atopou cun Iker, porteiro do equipo xuvenil, moi seguro baixo os paos.

O Cidade arrancou o choque cun sistema diferente ao que emprega habitualmente en casa, con defensa en media cancha. E se atopou cun Bueu que quixo ter a posesión do balón, con pouca profundidade no ataque, pero intentando xerar perigo con accións ás costas dos xogadores da defensa naronesa.

Os locais controlaron o partido pero amosaron menos intensidade no xogo que en ocasións anteriores, e aínda que o Bueu pareceu algo máis acertado neste primeiro tempo, foron os naroneses os que abriron o marcador por medio de Pablo logo dunha acción en banda.

Un tanto que deu tranquilidade aos de Narón pero que non impediu que o equipo visitante o seguira intentando a través dun bo xogo colectivo pero que se atopou coas boas accións de Iker, que desbaratou todos os intentos por igualar o marcador. Con vitoria pola mínima do Cidade se chegou ao descanso.

Durante o segundo tempo o Cidade de Narón tirou de oficio para seguir controlando o choque, mentres que o Bueu seguiu intentando xogar a pelota con ataques bastante elaborados, pero que se volveu a atopar cun Iker baixo os tres paos que non concedeu.

E cando semellaba que o partido entrara nunha fase de letargo, dúas boas accións de Lucas, o xogador máis incisivo do Cidade nesta xornada, fixeron que Bueu tivera que repregar liñas e na terceira acción individual, o naronés conseguiu dun tiro exterior poñer o 2-0 no marcador.

O Narón se atopou cómodo con defensa en media cancha e sen pasar maiores apuros, malia que o Bueu intentou aproximarse varias veces para recortar distancias. Pero ante a falta de oportunidades claras, os de Pontevedra decidiron cambiar de estratexia e apostaron polo xogo de 5 para 4.

E nas primeiras de cambio, o equipo local aproveitou para roubar a través de Lucas que puxo o 3-0 e deixou sentenciado un partido no que o visitante seguiu intentándoo con porteiro-xogador e o Cidade alternou a defensa en media cancha e a presión. Pero un desaxuste en defensa no último minuto permitiu a Bueu marcar o seu único tanto no choque.

O resultado desta fin de semana permite aos de Narón continuar coa racha de vitorias que o sitúan na zona medio-alta da táboa e que agardan prolongar o vindeiro fin de semana, no que o Cidade volverá a xogar na Gándara ante o Stellae-Leis Pontevedra B.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Iker, Miguel, Diego, Lucas e Héctor. Tamén xogaron Manu Tenreiro, Iván, Lautaro e Pablo

ADFS Bueu: Marcos, Eloy, Pablo, Marco e David. Tamén xogaron Sandro, Rodrigo, Daniel e Javier.

Goles: (1-0) min. 19, Pablo; (2-0) min. 27, Lucas; (3-0) min. 35, Lucas; (3-1) min. 38, Marco.

Árbitros: Juan Ramón Juan Mora e Nicolás Villegas Sordo (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da 

 

Gándara (Narón)

 

 

 

 

 

Festival de goles en Ourense no choque entre o Sala e o Cidade que se trae os 3 puntos para Narón

  • Os naroneses conseguiron unha importante vitoria ante un sempre complicado Sala Ourense 2014 con tantos de Iván (2), Héctor, Diego, Guille, Javi e Lucas

Narón, 24 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón conseguiu unha importante vitoria no choque que o enfrontou esta fin de semana ante o Sala Ourense 2014. Un partido no que se anotaron máis dunha ducia de goles e que deixou un excelente sabor de boca entre os afeccionados que se achegaron ata o pavillón dos Remedios. O resultado final de 6-7 se decantou do lado dos naroneses que se trouxeron os tres puntos para Narón e suman a segunda vitoria consecutiva. Os tantos dos amarelos foron obra de Iván (2), Héctor, Diego, Guille, Javi e Lucas.

O partido comezou con moita intensidade, coa aposta dos locais por unha defensa alta que impediu aos de Narón conectar co pivot. De feito, cando a penas se cumpría un minuto de xogo, un erro dos amarelos na saída de balón en primeira liña permitiu aos ourensás anotar o primeiro tanto do partido.

Cidade de Narón continuou con problemas para facer fronte ao xogo despregado polo Sala pero a base de rotacións e cambios no inicio do xogo, o equipo que adestra Javi Albes conseguiu gañar metros, coller confianza e xerar as primeiras ocasións. Sen embargo, foi o Sala quen armou unha contra logo dun córner do Cidade e un roubo, que rematou Raúl poñendo o 2-0.

Este segundo tanto obrigou ao Cidade a pedir un tempo morto e a planificar de novo un partido que se lle puxo costa arriba. A entrada de Javi e Iván deu aire fresco ao ataque naronés que nunha xogada ao segundo pao anotou o primeiro tanto por medio de Héctor. Sen embargo, a alegría durou pouco na bancada do Cidade xa que unha acción de Adri nada máis incorporarse á pista puxo o 3-1 no luminoso dos Remedios.

Non daba tregua o choque na cidade das Burgas e un acertadísimo Iván anotou con tan só dous minutos de diferencia dous excelentes remates a porta que permitiron ao Cidade empatar o encontro e coller moral para afrontar a recta final do primeiro tempo. Pero de novo un erro na defensa do Cidade permitiu aos locais poñerse por diante no marcador, chegando o Ourense ao descanso cun resultado de 4-3 a favor.

A segunda parte arrancou cun Cidade cunha presión alta na busca da igualdade e un Ourense que traballou moi ben en ataque grazas á calidade dos seus xogadores pero que se atopou con dificultades á hora de defender as progresións do Cidade en ataque. Ata que nunha boa combinación na saída do balón o Ourense conseguiu finalizar ao segundo pao por medio de Alex e poñer o 5-3.

O Narón non baixou os brazos e seguiu traballando, aumentando as súas prestacións en ataque e aproveitándose dun Ourense que comezou a acusar as rotacións do seu quinteto inicial. E aí chegou o cuarto tanto naronés logo dunha boa acción individual de Miguel que rematou Diego ao fondo das mallas.

Con 5-4 no marcador, o encontro proseguiu cun Cidade máis asentado e un Buxía que salvou varias boas ocasións do Ourense. Ata que nunha xogada de banda na que Diego botou ao segundo pao, Guille estableceu a igualdade.

O choque entrou nos últimos 10 minutos cun Cidade envorcado na portería local con varias e moi boas ocasións para coller vantaxe. Sen embargo, unha perda de balón nunha saída de presión de Cidade permitiu aos locais poñerse de novo por diante.

E chegou a recta final de partido. A piques de que os naroneses apostaran todo ao 5 para 4, unha gran xogada de Javi no pivot puxo o empate a 6-6. Con catro minutos por diante, os de Narón decidiron poñer toda a carne no asador e nunha gran acción individual de Miguel chegou o tanto da vitoria, logo de filtrar un gran pase a Lucas que se plantou so diante de Noel para anotar o sétimo e definitivo.

O Sala Ourense aínda o intentou coa estratexia de porteiro-xogador pero sen fortuna. Triunfo naronés logo dun partido moi traballado e onde os de Javi Albes se anotan a segunda vitoria consecutiva da temporada. O Cidade de Narón xogará dous encontros seguidos na Gándara nos que tentará sumar novos puntos ao seu casilleiro. O primeiro terá lugar este sábado, a partir das sete da tarde ante o ADFS Bueu.

Ficha técnica:

Sala Ourense 2014: Noel, Gon, Alex, Guerra e Iago. Tamén xogaron Raúl, Nogue, Pablo, Ron, Rodri, Adri e Sergio.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Javi, Diego, Lucas e Héctor. Tamén xogaron Buxía, Migui, Iván, Lautaro, Guille e Pablo.

Goles: (1-0) min. 1, Gon; (2-0) min. 3, Raúl; (2-1) min. 8, Héctor; (3-1) min. 8, Adri; (3-2) min. 9, Iván; (3-3) min. 11, Iván; (4-3) min. 17, Rodri; (5-3) min 22, Alex; (5-4) min. 22, Diego; (5-5) min. 23, Guille; (6-5) min. 32, Alex; (6-6) min. 36, Javi; (6-7) min. 37, Lucas.

Árbitros: Jesús Miguens e Jesús Otero (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal dos Remedios (Ourense)

O Cidade de Narón recupera a senda das vitorias ante o Outeiro de Rei

  • Os naroneses foron de menos a máis nun partido que rematou co marcador de 4-1 a favor dos locais e no que anotaron Iván (2) e Migui

Narón, 17 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón volveu a senda da vitorias logo de superara a Outeiro de Rei-Santa Isabel na Gándara por 4-1. Os naroneses foron de menos a máis ante un equipo rival que chegou a Narón con algunha baixa no seu plantel e que malia aguantar no primeiro tempo, acabou caendo derrotado grazas aos tantos de Iván e Migui.

 

O encontro arrancou cun Cidade de Narón con defensa alta que alternou con momentos con defensa en media cancha e un Outeiro de Rei que iniciou o choque cunha presión a ¾. Esto dificultou o inicio de xogo do Cidade que, sen embargo, aproveitou as rotacións para impoñer un ritmo alto e chegar moito máis fresco ao segundo tempo.

As primeiras ocasións dos naroneses chegaron nas botas de Guille e Lucas a través do xogo colectivo. Unha estratexia que mudaría tras a entrada de Iván e Paulo en pista, que achegaron un pouco máis de profundidade ao equipo local. Sen embargo, na primeira ocasión clara que tiveron os visitantes se puxeron por diante no marcador logo dun bo recorte de Mauro que bateu a Fer Combarro.

Cidade de Narón non perdeu a cara ao encontro malia que os visitantes puideron abrir brecha no luminoso da Gándara ao dispoñer de dúas boas accións na área naronesa que non foron quen de materializar. E nesas chegou o empate por medio dun bo tiro exterior de Iván.

O tanto serviu para dar calma aos xogadores naroneses, que volveron tomar as rendas do encontro. Aínda así, o Outeiro conseguiu xerar algunha que outra ocasión de perigo diante da portería de Combarro grazas a un bo traballo de pivot.

Pero o Cidade volveu a golpear logo dun saque de banda de Lucas ao segundo pao que o xogador lucense Noel tentou despexar para acabar batendo ao seu propio porteiro. Un tanto co que o Cidade se poñía por diante no marcador e co que se chegou ao descanso.

O segundo tempo seguiu a mesma tónica da primeira parte, cun Outeiro de Rei máis incisivo e un Cidade de Narón que se foi facendo co encontro a medida que pasaron os minutos.

O partido sucedeuse con ocasións para os dous equipos , moito máis claras para os naroneses que, por medio de Miguel primeiro logo dunha boa xogada de equipo, e despois tras unha boa acción individual de Iván, puxeron o 4-1 definitivo.

Un marcador que lle serviu ao equipo dirixido por Javi Albes para defender con calma o porteiro xogador do Outeiro de Rei que e mesmo dispoñer de varias ocasións para ampliar distancias logo dun tiro de Lucas ao traveseiro e dunha xogada de Pablo dentro da área que non acabou de finalizar.

A vindeira xornada os naroneses viaxaran á Cidade das Burgas para xogar contra o Sala Ourense 2014.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Lucas e Héctor. Tamén xogaron Buxía, Migui, Iván, Lautaro, Paulo e Pablo.

Outeiro de Rei: David, Brais, Noel, Aitor e Mauro. Tamén xogaron Pablo, Isaías, Lois, Fran, Rubén, Jeray e Marcos.

Goles: (0-1) min. 14, Mauro; (1-1) min. 15, Iván; (2-1) min. 17, Noel (PP); (3-1) min. 20, Migui; (4-1) min. 32, Iván.

Árbitros: Sergio Blanco e Franco Álvaro Campagnoli (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)

Dura derrota do Cidade de Narón en Baamonde ante o Begonte FS

  • Os naroneses tiveron controlado o partido ata a metade do segundo tempo no que arriscaron co xogo de porteiro-xogador sen fortuna

  • Os encargados de anotar os tantos naroneses foron Miguel e Guille

Narón, 10 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón volveu de Baamonde cunha dura derrota ante o Concello de Begonte FS. Malia que os naroneses tiveron o control do xogo durante boa parte do choque, a decisión de recorrer á estratexia de porteiro-xogador para traerse os 3 puntos á casa non deu os seus froitos e acabaron caendo por 6-2. Os tantos dos amarelos foron obra de Miguel Caeiro e Guille.

O partido arrancou cun Cidade ben plantado na pista e impedindo ao equipo local entrar no encontro. Os naroneses combinaron varias boas acción e logo dun bo pase de Javi, Miguel finalizou con acerto poñendo o 0-1 no marcador e dando máis confianza ao Cidade.

Os xogadores de Narón avanzaron no partido con moitas rotacións e sen a penas dificultades. Pero o Begonte foi encontrando o seu sitio na cancha e comezou a ameazar a portería de Buxía co lanzamento de varios tiros exteriores. Ata que no minuto 12 de partido, o Cidade cometeu o seu primeiro erro colectivo en defensa alta. Un fallo que permitiu a un xogador local poñerse so ante o porteiro naronés que rexeitou o primeiro tiro pero que non foi capaz de chapar o segundo, que meteu José María a portería baleira.

O equipo que adestra Javi Albes non encaixou ben o tanto local e nunha boa dualidade dos xogadores do Begonte chegaron á portería naronesa. E unha vez máis Buxía rexeitou o primeiro disparo pero non foi quen de desviar o segundo. Gol para os locais que marcharon con vantaxe pola mínima ao descanso.

O segundo tempo comezou cun Cidade de Narón que volveu controlar o xogo e a dispoñer de abondosas ocasións para empatar o partido. Pero logo de sacudirse esa presión inicial, o Begonte, como sucedeu no primeiro tempo, comezou a desfrutar de maior posesión de balón.

Sen embargo, foi o Cidade quen, logo dunha xogada de estratexia, conseguiu anotar por medio de Guille, poñendo o empate no marcador.

A partir dese momento, o Narón volveu apertar para poñerse por diante dispoñendo dalgunha que outra boa ocasión. Pero outro erro nunha marca tras un saque de banda de Begonte supuxo o 3-2 para os locais.

E o partido entrou nunha dinámica na que o Cidade o intentou por todos os medios pero no que o Begonte se defendeu ben. Ata que os naroneses decidiron ir a polos tres puntos recorrendo á estratexia de porteiro-xogador. E pese a que o intentou e dispuxo de varios tiros exteriores de Lucas que rexeitou o porteiro local, o Cidade encaixou tres tantos máis que non reflexan a igualdade do xogo pero si o bo traballo do equipo local.

Este sábado, a partir das sete do serán, o Cidade de Narón xogará na casa ante o Outeiro de Rei.

Ficha técnica:

Concello de Begonte FS: Sergio, Jesús, Angel, Pablo e Martín. Tamén xogaron José, Daniel Varela, Daniel Jove, José María, Jorge e Antonio.

Cidade de Narón: Buxía, Diego, Héctor, Guille e Javi.Tamén xogaron Lucas, Miguel, Lautaro, Pablo e Paulo.

Goles: (0-1) min. 4, Miguel; (1-1) min. 12, José María; (2-1) min. 19, Ángel; (2-2) min. 23, Guille; (3-2) min. 26, Jesús; (4-2) min. 34, Jorge; (5-2) min.36, Pablo; (6-2) min. 37, Daniel.

Árbitros: Sergio López Riveiros e Héctor Pérez Álvarez (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal de Baamonde

Dura derrota do Cidade de Narón na Gándara ante o Pazos de Borbén

  • Os naroneses deixaron escapar os tres puntos nos últimos segundos de partido logo de manter o control do encontro e de estrelar ata catro tiros ao pao. Diego foi o encargado de anotar o tanto local

Narón, 2 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón sufriu unha dura derrota esta fin de semana no partido que o enfrontou ao Pazos de Borbén na Gándara. Un encontro que arrancou cun sentido minuto de silencio en recordo das vítimas da Dana.

Así as cousas, os tres puntos viaxaron ata Pontevedra malia que os naroneses tiveron o partido controlado case os 40 minutos de xogo e a que estrelaron ata catro tiros ao pao. Pero unha desafortunada xogada cando restaban 12 segundos para o asubío final acabou por esmorecer as aspiracións dos naroneses de sumar puntos. O resultado final por 1-2 a favor dos visitantes non fai xustiza ao bo encontro disputado polo Cidade, grazas á intensidade de xogo e á excelente actuación de Buxía baixo os paos.

O choque arrancou cun Pazos de Borbén con moita profundidade no xogo e boas ocasións para abrir o marcador e un Cidade con maior posesión de balón. Sen embargo, co paso dos minutos o encontro foise igualando e o Cidade comezou a amosar unha gran solidez a nivel defensivo resolvendo sen problema as situacións de contraataque que xerou o equipo visitante.

Un primeiro tempo no que as dúas escuadras mantiveron as defensas moi altas e crearon abondosas situacións de perigo que os dous porteiros atallaron á perfección e que provocaron que o marcador se mantivese con empate a cero.

Na segunda parte o Cidade deu un paso ao fronte e aumentou a intensidade defensiva e a velocidade de execución das transicións de xogo en ataque facendo que o partido se volvera moi aberto. De tal xeito que os naroneses se fixeron co control do encontro pero o Pazos se adiantou no marcador logo de gañarlle as costas á defensa local.

Con 0-1 no luminoso da Gándara, o Cidade non perdeu a compostura e comezaron os minutos de asedio naronés. Ata en tres ocasións estrelaron os xogadores amarelos Luis, Lucas e Héctor os tiros ao pao. Ocasións que foron respondidas por dous xogadas de ataque do Pazos que Buxía desbaratou con dúas grandes intervencións. E no minuto 35 chegou o tanto local nos pés de Diego, que anotou logo de recibir un balón en longo.

Con empate no marcador, o equipo naronés tivo que facer fronte a un penalti que, unha vez máis, Buxía atallou, e unha situación de 4 para 3 logo da expulsión de Lucas por dobre amarela. E con cinco faltas acumuladas o equipo que adestra Javi Albes apostou polo porteiro-xogador. Pero a falta de 12 segundos para o asubío final e tras unha saque de banda, o Pazos puxo o 1-2 no marcador final.

O vindeiro fin de semana o Cidade viaxa ata Lugo para enfrontarse ao Begonte

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Lucas, Diego, Héctor e Javi. Tamén xogaron Iván, Luis, Guille, Pablo e Paulo.

Pazos de Borbén: Xairo, Eloy, Diego, Jacobo e Martín. Tamén xogaron Marcos, Jonathan, Luis, Jorge, Alfredo, Mario e Manuel Antonio.

Goles: (0-1) min. 20, Alfredo; (1-1) min. 35, Diego; (1-2) min. 40, Jacobo.

Árbitros: Carlos Jesús González Pardal e Juan Ramón Juan Mora (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)

O encontro arrancou cun minuto de silencio en memoria das vítimas da Dana

O X Trofeo Cidade de Narón viaxa a Santiago logo da vitoria da Sub-19

  • O Cidade de Narón aproveitou o choque para que os xuvenís Diego, Manu, Nico e Iker desfrutaran de minutos co primeiro equipo e para dar descanso a xogadores do primeiro plantel ante o choque ligueiro contra a Pazos de Borbén

  • A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; e o concelleiro de Mobilidade, Urbanismo, Obras e Infraestruturas Públicas, Persoal e RRHH, Pablo Mouriz, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e o sucampión

Narón, 1 de novembro de 2024.- O X Trofeo Cidade de Narón de Fútbol Sala viaxou para Santiago. O partido, no que se gardou un minuto de silencio polas vítimas da Dana, enfrontou ao equipo de Terceira División contra a Selección Galega Sub-19 e rematou coa vitoria desta última. A entrega de trofeos correu a cargo da alcaldesa naronesa, Marián Ferreiro e máis do concelleiro de Mobilidade, Urbanismo, Obras e Infraestruturas Públicas, Persoal e RRHH, Juan Pablo Mouriz, aos que o clube quere agradecer a súa presenza.

Así as cousas, o equipo naronés aproveitou o choque contra o combinado galego para dar entrada aos xuvenís Diego, Manu, Nico e Iker e para dar descanso a xogadores do primeiro plantel ante o partido de Liga que o Cidade tiña que disputar ao día seguinte contra o Pazos de Borbén. Tamén supuxo á volta ás canchas de Guille logo da lesión que o mantivo apartado durante case tres semanas.

O partido comezou con moita intensidade por parte dos dous equipo pero foi a Selección galega en dúas boas finalizacións a que se puxo por diante no marcador. Unha vantaxe que obrigou ao Cidade a subir a defensa para intentar remontar o partido e que propiciou que os dous equipos desfrutasen de abondosas oportunidades, pero no que a Sub-19 tivo máis tino na finalización e moita máis intensidade nas situacións de contraataque.

O combinado galego foi abrindo brecha no marcador e o Cidade abriu moito máis a pista cunha presión moi alta que trouxo consigo que os naroneses se cargasen de faltas e remataran o primeiro tempo con sete faltas e dous tiros desde 10 metros.

O segundo tempo foi moi diferente. O Cidade realizou varios axustes e o marcador a penas se mudou, xa que os de Narón controlaron máis o xogo e a Selección galega dispuxo de moitas menos ocasións de gol. O final do encontro serviu para que as dúas escuadras apostaran por probar a estratexia de porteiro-xogador. En definitiva, bo test para o Cidade de Narón que aproveitou para que os xuvenís contaran con minutos no primeiro equipo e para referendar o fútbol sala no municipio naronés.

 

 

 

O Cidade acusa os erros do primeiro tempo e cae ante o Friol

  • O equipo naronés dominou en xogo pero acusou a falta de acerto de cara a portería nun encontro no que debutou o porteiro xuvenil Iker

  • Miguel e Javi foron os goleadores desta xornada

Narón, 26 de outubro de 2024.- O Cidade de Narón non callou un bo partido esta fin de semana en Friol malia que dominou con claridade o xogo e dispuxo de moitas e moi boas ocasións. O equipo naronés acabou caendo nos últimos segundos nun partido no que Miguel e Javi foron os encargados de anotar os tantos do Cidade e no que o porteiro xuvenil Iker Casteleiro debutou co primeiro equipo cunha boa actuación.

O Cidade arrancou o encontro ben plantado na pista e cunha presión alta coa que pronto chegaron boas ocasións que non rendabilizou. E precisamente nunha desas accións de ataque dos naroneses, os locais aproveitaron un rexeite para montar unha boa contra e anotar o primeiro disparo que tiraban contra da portería naronesa.

Tras poñer o 1-0 no marcador, o Friol intensificou o seu estilo de xogo cunha defensa en 15 metros e dando moito espazo ao Cidade. Unha estratexia que no minuto 8 volvía a darlle resultado grazas ao gol anotado nunha nova contra por Adrián Fernández.

Tras este segundo tanto, Cidade fixo cambios pero os locais seguiron sacando rédito dos espazos que deixaban os xogadores naroneses. Sen embargo atoparon cun IKer ben plantado en portería que, no seu debut, foi quen de manter o seu equipo na liza pola vitoria. E tanto foi así que cun Cidade recomposto e dominando o xogo, chegou o gol de Miguel logo dun gran tiro exterior.

Aínda habería tempo para algunha ocasión máis dos naroneses que mesmo marraron un doble penalti instantes antes do descanso, pero sen fortuna.

No segundo tempo, o Friol mantivo o seu estilo de xogo, tentando coller as costas dos naroneses e mantendo un resultado a favor grazas ao acerto do seu porteiro. E mentres, o Cidade tentábao con tiros exteriores, con xogadas de pivot, con accións ao segundo pao, pero sen converter. Cun ritmo alto de xogo e concedendo menos espazos a un Friol que agardaba a súa oportunidade pero que viu como Javi no minuto 36 poñía o empate no marcador logo dun gran tiro exterior.

Nos últimos minutos, o Friol tratou de recuperar o control do xogo incrementando a posesión do balón pero Cidade seguiu co seu asedio, con varios tiros exteriores que non traspasaron a portería local. Ata que no último minuto, o equipo local aproveitou unha xogada de estratexia para anotar o tanto da vitoria.

O Cidade tentouno nos últimos segundos con porteiro xogador e mesmo estivo a piques de empatar grazas a unha boa xogada de Javi que, sen embargo, non conseguiu finalizar. Ao final vitoria para os locais por 3-2.

O vindeiro fin de semana o Cidade recibe na casa ao Pazos de Borbén.

 

Ficha técnica:

Concello de Friol FS: Gonzalo, Manuel, Adri López, David Villar e Diego Vidal. Tamén xogaron Miguel, Adrián Fernández, Diego Reigosa, Ángel, Pablo e David Arias.

Cidade de Narón: Iker, Diego, Javi, Pablo e Miguel. Tamén xogaron Fer Combarro, Lucas, Iván, Lautaro e Paulo.

Goles: (1-0) min. 2, Manuel; (2-0) min. 8, Adrián Fernández; (2-1) min. 14, Miguel; (2-2) min. 36, Javi; (3-2) min 39, Manuel.

Árbitros: Gabriel Balea e Sergio López (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal de Friol (Friol)

 

 

Cidade de Narón e 5Coruña firman táboas nun encontro moi igualado na Gándara

  • Os naroneses deron a volta a un marcador que se puxo de costas moi cedo pero que Pablo e Lucas, con dous tantos cada, un encarrilaron no primeiro tempo e que Miguel rematou no segundo

Narón, 19 de outubro de 2024.- O Cidade de Narón e o 5Coruña FS firmaron un empate a cinco tantos no encontro disputado no Municipal da Gándara. Un partido intenso no que os dous equipos puxeron todo o que estaba na súa man para levarse a vitoria. Ao final reparto de puntos nun choque que se puxo de costas para os naroneses e que desatascaron Pablo e Lucas con dous tantos cada un e Miguel.

O partido comezou cun 5Coruña enlazando moi boas accións e xerando situacións de 1 para 1 en banda que conseguía resolver con acerto. Con tanto acerto, que no minuto 2 chegou o primeiro tanto dos visitantes e a penas 6 minutos despois chegou o 0-2 ao marcador.

Cidade subiu liñas logo do tempo morto solicitado por Javi Albes para recompoñer o xogo do equipo naronés que, de primeiras, conseguiu controlar o xogo e reducir a posesión do equipo coruñés. E nesas chegou o primeiro tanto local obra de Lucas.

Pero os xogadores do 5Coruña lonxe de baixar os brazos continuaron co traballo por bandas que tan bo resultado lle deu nos primeiros minutos de partido e anotou o terceiro.

O Cidade aumentou a intensidade e nunha xogada ao segundo pao Lucas puxo o 2-3. Os cinco minutos finais do primeiro tempo foron de claro dominio local e nos que Pablo anotou os dous tantos que situaron ao Cidade por diante no marcador. Con 4-3 no luminoso da Gándara chegou o descanso.

O segundo tempo, empezou cun 5Coruña con menos intensidade e un Narón traballando ben e capaz de sufrir logo de varias boas accións dos coruñeses que Buxía e a defensa conseguiron desactivar.

Ata que unha boa acción en ataque dos coruñeses conseguiu poñer o empate no marcador. E a penas uns segundos despois, Miguel anotou o quinto tanto do Narón. Un gol que sabía xa a vitoria ata que, a piques de sonar a bucina, o 5Coruña ganduxou unha boa xogada por banda que supuxo o empate a 5 final.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Iván, Diego, Javi e Pablo. Tamén xogaron Buxía, Lucas, Miguel, Héctor e Paulo.

5Coruña FS: Víctor, Álex, Buján, Pablo e Yerai. Tamén xogaron César, Dani, Álvaro, Víctor Rodríguez, Iago, Xavi e Puertas.

Goles: (0-1) min. 2, Yerai; (0-2) min. 8, Iago; (1-2) min. 11, Lucas; (1-3) min. 13, Xavi; (2-3) min. 15, Lucas; (3-3) min. 19, Pablo; (4-3) min.20, Pablo; (4-4) min. 32, Álex; (5-4) min 32, Miguel; (5-5) min 39, Pablo.

Árbitros: Adrián Lagos e Jesús Miguens(C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)

 

 

O bo traballo defensivo permite ao Cidade de Narón volver de Guititiz cunha importante vitoria

  • O equipo que dirixe Javi Albes soubo sufrir para traerse os tres puntos de terras lucenses ante un rival que loitou ata o último segundo

  • Guille e Javi foron os encargados de anotar os tantos do equipo naronés, nun encontro no que Miguel volvía ás canchas tras recuperarse da súa lesión na man e Guille non acabou o partido logo de sufrir unha escordadura no seu xeonllo dereito

Narón, 12 de outubro de 2024.- Vitoria sufrida pero merecida a que se trouxo o Cidade de Narón esta fin de semana de terras lucenses. O encontro correspondente á quinta xornada de liga da Terceira División Nacional que enfrontou aos naroneses co Korreo Guitirz rematou co triunfo visitante, grazas a un gol de Javi nos últimos segundos. O partido supuxo a volta ás pistas de xogo de Miguel, recuperado xa da lesión na súa man dereita, pero deixou como nota negativa a escordadura no xeonllo dereito de Guille que, logo de anotar dous tantos, non puido acabar o partido.

O encontro comezou cun ritmo moi alto, onde o Cidade saíu a presionar ao rival. Unha presión que durante os primeiros cinco minutos de encontro impediu aos locais saír coa bola xogada. A elo sumáronse as numerosas perdas de balón do Korreo no inicio da elaboración, que aproveitou o equipo naronés con xogada de estratexia para poñerse por diante no minuto 2 grazas ao gol de Guille.

Con 0-1 no luminoso do Jonathan Carro, o Korreo subiu liñas e intensidade defensiva, o que sumado a unha certa permisividade do equipo arbitral nos contactos, conseguiu incomodar ao equipo amarelo, que viu como no minuto 8 Asier empataba o partido logo dun rexeite na área naronesa.

Mediado o primeiro tempo, era o equipo da casa o que máis opcións tiña co balón en xogo, mentres que ao Cidade lle costaba conectar co seu xogador máis avanzado. E foi entón cando os locais pasaron a xogar cun pivot claro e balóns directos para obrigar ao Cidade a repregarse.

Non lle quedou outra ao equipo naronés que facer cambios e así puido gozar de varias boas ocasións por medio de Guille e de Javi. Pero foi Fer o que salvou o marcador con dúas boas coberturas defensivas.

O segundo tempo arrancou cun Guitiriz que saíu á cancha sen especular e cunha presión en ¾ de pista. Pola súa parte, o Cidade conseguiu ter máis posesión de balón pero sen xerar demasiado perigo na portería visitante. Ata que unha boa acción de Guille no pivot aproveitando un pase de Héctor puxo o 2-1 no marcador.

O equipo de Albes repregou liñas e chegaron uns minutos con moito ritmo de xogo e menos perdas de balón e no que Asier volveu a poñer o empate no marcador do Jonathan Carro.

Así chegou o encontro á recta final, con dous equipos que se prepararon para xogar o 5 para catro: o Narón co obxectivo de frear o ritmo de xogo logo de sumar a quinta falta; e o Guitiriz para tentar facerse coa vitoria. Pero a piques de soar a bucina e logo de varias accións defensivas, o Cidade conseguiu despexar un balón que caeu nos pés de Javi e anotou o gol da vitoria.

O vindeiro fin de semana o Cidade xogará na casa contra o 5Coruña.

 

Ficha técnica:

O Korreo Guitiriz: Martín, Alberto, Diego Carreira, Diego Fernández e Daniel. Tamén xogaron Xabier, Asier, Antón, Diego López, David, Jacobo e Adrián.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Luis. Tamén xogaron Buxía, Pablo, Lucas, Javi, Lautaro e Miguel.

Goles: (0-1) min. 2, Guille; (1-1) min. 8, Asier; (1-2) min. 24, Guille; (2-2) min. 26, Asier; (2-3) min. 39, Javi.

Árbitros: Sergio Blanco e David Kumor (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Jonathan Carro (Guitiriz)

Reparto de puntos entre o Cidade de Narón e o Carballiño na Gándara

  • Os xogadores naroneses non foron capaces de apontoar o resultado malia as ocasión que tiveron para abrir distancias no marcador

  • Lucas e Iván foron os anotadores da xornada por parte do equipo local

Narón, 5 de outubro de 2024.- O Cidade de Narón non pasou do empate no encontro disputado contra o Carballiño na casa correspondente á cuarta xornada da Terceira División Nacional de Fútbol Sala. Un partido no que os dous equipos xogaron moi intensos desde o primeiro minuto e propuxeron un xogo rápido que deixou moitas e moi boas ocasións de gol. Sen embargo, a boa actuación dos porteiros ao longo dos corenta minutos de partido impediu que o resultado fose máis abultado.

O partido comezou con moita igualdade. Mentres o equipo ourensán buscou o un para un desde o primeiro minuto, o Cidade foise facendo coa posesión do balón. Ata que un erro nun control logo dun saque de banda, propiciou o primeiro tanto do equipo visitante.

O equipo naronés subiu liñas e apertou a un Carballiño que non era capaz de saír con solvencia do seu campo. E foron chegando as ocasión máis claras para os naroneses ata que tras un saque de banda, Lucas puxo un balón na escuadra que valeu o empate. Un tanto que deu confianza ao equipo de Javi Albes que volveu desfrutar de novas ocasións para adiantarse no marcador pero sen fortuna.

O segundo tempo arrancou cun Cidade que redobrou a intensidade defensiva e foi acurralando a Carballiño no seu campo. Esta presión permitiu que os naroneses tiveses varias ocasión claras para anotar. Mentres, o Carballiño tentou saír á contra e coller as costas dos naroneses pero a boa actuación de Buxía, que desbaratou as chegadas do Carballiño, mantivo ao Cidade no partido. Ata que no minuto Iván aproveitou un rexeite para adiantar ao Cidade e poñer o 2-1.

O Carballiño intentou subir liñas pero os naroneses estaban ben plantados na pista e dispuxeron de dúas ocasión claras por medio de Iván e Javi que non materializaron. E nos dous últimos minutos de partido, o Carballiño, con xogo de 5 para 4, aproveitou un balón en longo para meter ao segundo pao e bater a Buxía.

Con empate a dous tantos rematou un partido no que o Cidade fixo méritos para facerse coa vitoria e na que o Carballiño soubo aguantar.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Luis. Tamén xogaron Buxía, Pablo, Lucas, Iván, Javi, Lautaro e Paulo.

Carbaliño FS: Mateo, Hugo, Édgar, Arturo e Óscar. Tamén xogaron Eric, David, Xosé Lois, Samuel e Antonio.

Goles: (0-1) min. 3, Óscar; (1-1) min. 18, Lucas; (2-1) min. 30, Iván; (2-2) min. 39, Samuel.

Árbitros: Nicolás Villegas e Martín Díaz (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón A Gándara (Narón)