O bo traballo defensivo permite ao Cidade de Narón volver de Guititiz cunha importante vitoria
-
O equipo que dirixe Javi Albes soubo sufrir para traerse os tres puntos de terras lucenses ante un rival que loitou ata o último segundo
-
Guille e Javi foron os encargados de anotar os tantos do equipo naronés, nun encontro no que Miguel volvía ás canchas tras recuperarse da súa lesión na man e Guille non acabou o partido logo de sufrir unha escordadura no seu xeonllo dereito
Narón, 12 de outubro de 2024.- Vitoria sufrida pero merecida a que se trouxo o Cidade de Narón esta fin de semana de terras lucenses. O encontro correspondente á quinta xornada de liga da Terceira División Nacional que enfrontou aos naroneses co Korreo Guitirz rematou co triunfo visitante, grazas a un gol de Javi nos últimos segundos. O partido supuxo a volta ás pistas de xogo de Miguel, recuperado xa da lesión na súa man dereita, pero deixou como nota negativa a escordadura no xeonllo dereito de Guille que, logo de anotar dous tantos, non puido acabar o partido.
O encontro comezou cun ritmo moi alto, onde o Cidade saíu a presionar ao rival. Unha presión que durante os primeiros cinco minutos de encontro impediu aos locais saír coa bola xogada. A elo sumáronse as numerosas perdas de balón do Korreo no inicio da elaboración, que aproveitou o equipo naronés con xogada de estratexia para poñerse por diante no minuto 2 grazas ao gol de Guille.
Con 0-1 no luminoso do Jonathan Carro, o Korreo subiu liñas e intensidade defensiva, o que sumado a unha certa permisividade do equipo arbitral nos contactos, conseguiu incomodar ao equipo amarelo, que viu como no minuto 8 Asier empataba o partido logo dun rexeite na área naronesa.
Mediado o primeiro tempo, era o equipo da casa o que máis opcións tiña co balón en xogo, mentres que ao Cidade lle costaba conectar co seu xogador máis avanzado. E foi entón cando os locais pasaron a xogar cun pivot claro e balóns directos para obrigar ao Cidade a repregarse.
Non lle quedou outra ao equipo naronés que facer cambios e así puido gozar de varias boas ocasións por medio de Guille e de Javi. Pero foi Fer o que salvou o marcador con dúas boas coberturas defensivas.
O segundo tempo arrancou cun Guitiriz que saíu á cancha sen especular e cunha presión en ¾ de pista. Pola súa parte, o Cidade conseguiu ter máis posesión de balón pero sen xerar demasiado perigo na portería visitante. Ata que unha boa acción de Guille no pivot aproveitando un pase de Héctor puxo o 2-1 no marcador.
O equipo de Albes repregou liñas e chegaron uns minutos con moito ritmo de xogo e menos perdas de balón e no que Asier volveu a poñer o empate no marcador do Jonathan Carro.
Así chegou o encontro á recta final, con dous equipos que se prepararon para xogar o 5 para catro: o Narón co obxectivo de frear o ritmo de xogo logo de sumar a quinta falta; e o Guitiriz para tentar facerse coa vitoria. Pero a piques de soar a bucina e logo de varias accións defensivas, o Cidade conseguiu despexar un balón que caeu nos pés de Javi e anotou o gol da vitoria.
O vindeiro fin de semana o Cidade xogará na casa contra o 5Coruña.
Ficha técnica:
O Korreo Guitiriz: Martín, Alberto, Diego Carreira, Diego Fernández e Daniel. Tamén xogaron Xabier, Asier, Antón, Diego López, David, Jacobo e Adrián.
Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Luis. Tamén xogaron Buxía, Pablo, Lucas, Javi, Lautaro e Miguel.
Goles: (0-1) min. 2, Guille; (1-1) min. 8, Asier; (1-2) min. 24, Guille; (2-2) min. 26, Asier; (2-3) min. 39, Javi.
Árbitros: Sergio Blanco e David Kumor (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Jonathan Carro (Guitiriz)