O Cidade acusa os erros do primeiro tempo e cae ante o Friol
-
O equipo naronés dominou en xogo pero acusou a falta de acerto de cara a portería nun encontro no que debutou o porteiro xuvenil Iker
-
Miguel e Javi foron os goleadores desta xornada
Narón, 26 de outubro de 2024.- O Cidade de Narón non callou un bo partido esta fin de semana en Friol malia que dominou con claridade o xogo e dispuxo de moitas e moi boas ocasións. O equipo naronés acabou caendo nos últimos segundos nun partido no que Miguel e Javi foron os encargados de anotar os tantos do Cidade e no que o porteiro xuvenil Iker Casteleiro debutou co primeiro equipo cunha boa actuación.
O Cidade arrancou o encontro ben plantado na pista e cunha presión alta coa que pronto chegaron boas ocasións que non rendabilizou. E precisamente nunha desas accións de ataque dos naroneses, os locais aproveitaron un rexeite para montar unha boa contra e anotar o primeiro disparo que tiraban contra da portería naronesa.
Tras poñer o 1-0 no marcador, o Friol intensificou o seu estilo de xogo cunha defensa en 15 metros e dando moito espazo ao Cidade. Unha estratexia que no minuto 8 volvía a darlle resultado grazas ao gol anotado nunha nova contra por Adrián Fernández.
Tras este segundo tanto, Cidade fixo cambios pero os locais seguiron sacando rédito dos espazos que deixaban os xogadores naroneses. Sen embargo atoparon cun IKer ben plantado en portería que, no seu debut, foi quen de manter o seu equipo na liza pola vitoria. E tanto foi así que cun Cidade recomposto e dominando o xogo, chegou o gol de Miguel logo dun gran tiro exterior.
Aínda habería tempo para algunha ocasión máis dos naroneses que mesmo marraron un doble penalti instantes antes do descanso, pero sen fortuna.
No segundo tempo, o Friol mantivo o seu estilo de xogo, tentando coller as costas dos naroneses e mantendo un resultado a favor grazas ao acerto do seu porteiro. E mentres, o Cidade tentábao con tiros exteriores, con xogadas de pivot, con accións ao segundo pao, pero sen converter. Cun ritmo alto de xogo e concedendo menos espazos a un Friol que agardaba a súa oportunidade pero que viu como Javi no minuto 36 poñía o empate no marcador logo dun gran tiro exterior.
Nos últimos minutos, o Friol tratou de recuperar o control do xogo incrementando a posesión do balón pero Cidade seguiu co seu asedio, con varios tiros exteriores que non traspasaron a portería local. Ata que no último minuto, o equipo local aproveitou unha xogada de estratexia para anotar o tanto da vitoria.
O Cidade tentouno nos últimos segundos con porteiro xogador e mesmo estivo a piques de empatar grazas a unha boa xogada de Javi que, sen embargo, non conseguiu finalizar. Ao final vitoria para os locais por 3-2.
O vindeiro fin de semana o Cidade recibe na casa ao Pazos de Borbén.
Ficha técnica:
Concello de Friol FS: Gonzalo, Manuel, Adri López, David Villar e Diego Vidal. Tamén xogaron Miguel, Adrián Fernández, Diego Reigosa, Ángel, Pablo e David Arias.
Cidade de Narón: Iker, Diego, Javi, Pablo e Miguel. Tamén xogaron Fer Combarro, Lucas, Iván, Lautaro e Paulo.
Goles: (1-0) min. 2, Manuel; (2-0) min. 8, Adrián Fernández; (2-1) min. 14, Miguel; (2-2) min. 36, Javi; (3-2) min 39, Manuel.
Árbitros: Gabriel Balea e Sergio López (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal de Friol (Friol)