Dura derrota do Cidade de Narón ante o Rábade FS por 3-2
-
Varios desaxustes en defensa penalizaron aos xogadores de Abel Cernadas que malia dominar o encontro non acertaron nos metros finais
Narón, 7 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón perdeu esta fin de semana o encontro que o enfrontou ante o Rábade FS, recentemente ascendido á Terceira División Nacional. Os de Abel Cernadas volveron a acusar varios descoidos en defensa que, ao final, resultaron decisivos. E é que malia dominar o xogo, os naroneses semellaron gafados nos metros finais e deixaron escapar tres puntos que, a priori, deberan ter viaxado cara Narón. Ao final, derrota por 3-2 con goles de Pablo e Guille e a baixa de Iván, que se lesionaba no minuto 37 e non podía rematar o encontro.
O primeiro tempo comezou cun claro dominio naronés ante un Rábade que agardou en media cancha a súa oportunidade pero que a penas inquietou a portería de Fer Combarro. O Cidade saía fácil de presión e xeraban abondosas ocasións. Ben conectando co pivot, ben con tiros afastados e mesmo de 2 contra 1. Pero hoxe non foi o día do Narón. Diego, Iván ou Guille marraron máis dunha ocasión clara de gol. E con empate a cero se chegou ao descanso no Eduardo Villamarín.
Na segunda parte os naroneses arrancaron con moitos descoidos en defensa que propiciaron os dous tantos locais nos minutos 22 e 24. Buscou o adestrador naronés a reacción no seu banco e comezou a mellorar o xogo do equipo amarelo e a dispor de novo de ocasións para acercarse no marcador. E así chegou o primeiro tanto do Cidade, obra de Pablo.
Pero nunha xogada desafortunada, os locais volvían a anotar. Un terceiro tanto que subía ao luminoso no minuto 30 e que obrigaba aos de Narón a ir a por todas con xogo de 5. Así comezou o asedio naronés sobre a portería local a través de balóns interiores. Ata que nunha xogada de estratexia Guille anotou o segundo gol do Narón.
Seguiu insistindo o Cidade pero sen fortuna e o encontro rematou con vitoria para os locais por 3-2 e coa lesión de Iván, que se mancaba na perna dereita a falta de apenas dous minutos para o remate do encontro e que é dúbida para a vindeira xornada.
Abel Cernadas lamentaba ao remate do partido que pese ao dominio do seu equipo “non soubemos aproveitar as abondosas ocasións das que dispuxemos e iso nestas canchas acaba pasando factura”.
O vindeiro fin de semana, o Cidade de Narón xogará na Gándara contra o Sport Sala.
Ficha técnica:
Rábade FS: Borja, Sergio, Jacobo, Xico e Alejandro. Tamén xogaron Adrián, David, Villegas, Jesús; Michael e Javier.
Cidade de Narón: Fer Combarro, Juan Caínzos, Iván, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Buxía, Álex Piñón, Lucas, Álex Naveira, Pablo Cotelo e Luis.
Goles: (1-0) min. 22, Sergio; (2-0) min. 24, Michael; (2-1) min. 24, Pablo; (3-1) min. 30, Jesús; (3-2) min. 35, Guille.
Árbitros: Carlos Jesús González e Héctor Pérez (C.T.A. Galego).
Pavillón: PM Eduardo Villamarín (Rábade)