Festival de goles en Ourense no choque entre o Sala e o Cidade que se trae os 3 puntos para Narón
-
Os naroneses conseguiron unha importante vitoria ante un sempre complicado Sala Ourense 2014 con tantos de Iván (2), Héctor, Diego, Guille, Javi e Lucas
Narón, 24 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón conseguiu unha importante vitoria no choque que o enfrontou esta fin de semana ante o Sala Ourense 2014. Un partido no que se anotaron máis dunha ducia de goles e que deixou un excelente sabor de boca entre os afeccionados que se achegaron ata o pavillón dos Remedios. O resultado final de 6-7 se decantou do lado dos naroneses que se trouxeron os tres puntos para Narón e suman a segunda vitoria consecutiva. Os tantos dos amarelos foron obra de Iván (2), Héctor, Diego, Guille, Javi e Lucas.
O partido comezou con moita intensidade, coa aposta dos locais por unha defensa alta que impediu aos de Narón conectar co pivot. De feito, cando a penas se cumpría un minuto de xogo, un erro dos amarelos na saída de balón en primeira liña permitiu aos ourensás anotar o primeiro tanto do partido.
Cidade de Narón continuou con problemas para facer fronte ao xogo despregado polo Sala pero a base de rotacións e cambios no inicio do xogo, o equipo que adestra Javi Albes conseguiu gañar metros, coller confianza e xerar as primeiras ocasións. Sen embargo, foi o Sala quen armou unha contra logo dun córner do Cidade e un roubo, que rematou Raúl poñendo o 2-0.
Este segundo tanto obrigou ao Cidade a pedir un tempo morto e a planificar de novo un partido que se lle puxo costa arriba. A entrada de Javi e Iván deu aire fresco ao ataque naronés que nunha xogada ao segundo pao anotou o primeiro tanto por medio de Héctor. Sen embargo, a alegría durou pouco na bancada do Cidade xa que unha acción de Adri nada máis incorporarse á pista puxo o 3-1 no luminoso dos Remedios.
Non daba tregua o choque na cidade das Burgas e un acertadísimo Iván anotou con tan só dous minutos de diferencia dous excelentes remates a porta que permitiron ao Cidade empatar o encontro e coller moral para afrontar a recta final do primeiro tempo. Pero de novo un erro na defensa do Cidade permitiu aos locais poñerse por diante no marcador, chegando o Ourense ao descanso cun resultado de 4-3 a favor.
A segunda parte arrancou cun Cidade cunha presión alta na busca da igualdade e un Ourense que traballou moi ben en ataque grazas á calidade dos seus xogadores pero que se atopou con dificultades á hora de defender as progresións do Cidade en ataque. Ata que nunha boa combinación na saída do balón o Ourense conseguiu finalizar ao segundo pao por medio de Alex e poñer o 5-3.
O Narón non baixou os brazos e seguiu traballando, aumentando as súas prestacións en ataque e aproveitándose dun Ourense que comezou a acusar as rotacións do seu quinteto inicial. E aí chegou o cuarto tanto naronés logo dunha boa acción individual de Miguel que rematou Diego ao fondo das mallas.
Con 5-4 no marcador, o encontro proseguiu cun Cidade máis asentado e un Buxía que salvou varias boas ocasións do Ourense. Ata que nunha xogada de banda na que Diego botou ao segundo pao, Guille estableceu a igualdade.
O choque entrou nos últimos 10 minutos cun Cidade envorcado na portería local con varias e moi boas ocasións para coller vantaxe. Sen embargo, unha perda de balón nunha saída de presión de Cidade permitiu aos locais poñerse de novo por diante.
E chegou a recta final de partido. A piques de que os naroneses apostaran todo ao 5 para 4, unha gran xogada de Javi no pivot puxo o empate a 6-6. Con catro minutos por diante, os de Narón decidiron poñer toda a carne no asador e nunha gran acción individual de Miguel chegou o tanto da vitoria, logo de filtrar un gran pase a Lucas que se plantou so diante de Noel para anotar o sétimo e definitivo.
O Sala Ourense aínda o intentou coa estratexia de porteiro-xogador pero sen fortuna. Triunfo naronés logo dun partido moi traballado e onde os de Javi Albes se anotan a segunda vitoria consecutiva da temporada. O Cidade de Narón xogará dous encontros seguidos na Gándara nos que tentará sumar novos puntos ao seu casilleiro. O primeiro terá lugar este sábado, a partir das sete da tarde ante o ADFS Bueu.
Ficha técnica:
Sala Ourense 2014: Noel, Gon, Alex, Guerra e Iago. Tamén xogaron Raúl, Nogue, Pablo, Ron, Rodri, Adri e Sergio.
Cidade de Narón: Fer Combarro, Javi, Diego, Lucas e Héctor. Tamén xogaron Buxía, Migui, Iván, Lautaro, Guille e Pablo.
Goles: (1-0) min. 1, Gon; (2-0) min. 3, Raúl; (2-1) min. 8, Héctor; (3-1) min. 8, Adri; (3-2) min. 9, Iván; (3-3) min. 11, Iván; (4-3) min. 17, Rodri; (5-3) min 22, Alex; (5-4) min. 22, Diego; (5-5) min. 23, Guille; (6-5) min. 32, Alex; (6-6) min. 36, Javi; (6-7) min. 37, Lucas.
Árbitros: Jesús Miguens e Jesús Otero (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal dos Remedios (Ourense)