O Cidade de Narón cae pola mínima na súa estrea na Gándara

  • O equipo naronés gozou de numerosas ocasións ao longo de todo o encontro que non foi quen de materializar

  • Esta fin de semana os naroneses viaxan a Marín onde loitarán por traerse os tres puntos para casa

Narón, 25 de setembro de 2024.- O Cidade de Narón caeu derrotado por 1-2 ante o Sport Sala Culleredo na segunda xornada da Liga Nacional da Terceira División de Fútbol Sala. Os pupilos de Javi Albes non puideron estrearse con vitoria na casa malia que o intentaron de todos os xeitos, pero os paos nunhas ocasións e o porteiro visitante noutras, impediron que o resultado final caese do lado dos de Narón. Ao final os tres puntos se marcharon para Culleredo, nun encontro no que Javi anotou o gol do Cidade.

O primeiro tempo arrancaba con dous equipos moi intensos, con un Sport Sala que intentaba o xogo de un para un, e un Cidade que recorría ao xogo de pivot e ás xogadas de estratexia. O partido mantivo a igualdade no marcador ata que no minuto 19, Óscar anotou o tanto do Sport Sala logo dun erro dos locais na saída de balón tras un mal control.

O Cidade aumentou entón o ritmo de traballo, subiu liñas e imprimiulle máis ritmo ao xogo, o que permitiu aos naroneses dispor de varias ocasións claras de gol, mentres que o equipo do Sport Sala se acercou á portería defendida por Fer Combarro con certo perigo pero sen anotar. E así chegaba o descanso ao municipal da Gándara.

A segunda parte tivo outra cor. Os de Narón elevaron a presión mentres que os visitantes buscaron as costas dos locais xogando máis balóns en longo pero sen renunciar ao control da pelota.

As ocasións se sucederon para o Cidade pero nun rexeitamento logo dunha contra, o Sport Sala anotou o 0-2 o que obrigou ao adestrador naronés a pedir un tempo morto e sair con xogo de 5 para catro. Os últimos tres minutos foron de asedio sobre a portería visitante e serviron para que Javi anotara o único tanto local nunha xogada de tiraliñas con gol ao segundo pao.

Este sábado o Cidade de Narón desprazarase a terras pontevedresas para xogar ante o Marín Futsal.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Javi e Iván. Tamén xogaron Iker, Lucas, Héctor, Pablo, Manu, Nico e Lautaro.

Sport Sala Culleredo: Jaime, Fernando, Pazos, Víctor e Daniel. Tamén xogaron Ignacio, Javier, Oscar, Brais, Roberto e Álvaro.

Goles: (0-1) min. 19, Óscar; (2-0) min. 38, Brais; (1-2) min. 38, Javi.

Árbitros: Carlos Jesús González e Rafael Alberto Tovar (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)

O Cidade de Narón suma tres puntos na casa ante o Sport Sala Culleredo

  • Os xogadores naroneses tiveron o control do partido dende o primeiro minuto de xogo e aproveitaron o seu dominio para vencer por 6-1 con goles de Pablo (3), Iván, Álex Piñón e Juan Caínzos

 

 

 

 

 

 

 

 

Narón, 14 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón sumou a segunda vitoria da temporada ante o Sport Sala Culleredo. Malia que o encontro careceu de ritmo tras recorrer o equipo visitante ao 5 para 4 xa no primeiro tempo, os xogadores naroneses axiña se fixeron co control do xogo e mandaron nun partido que acabaron gañando por 6-1 con goles de Pablo, que anotou tres, Iván, Álex Piñón e Juan Caínzos.

O Cidade chegaba a esta quinta xornada do calendario con ansias de vitoria logo dos resultados desiguais das anteriores. É porén, que especulou moito máis que en anteriores ocasións con alternancia de presión en media pista. O Culleredo, pola súa banda, saltou á cancha cun xogo moi directo que lle permitiu xerar máis de unha xogada de estratexia pero sen fortuna.

Pronto o Narón se foi facendo co partido aínda que lle faltou a fluidez da posesión do balón e a conexión co pivot de anteriores encontros. Pola contra gañou en efectividade e xa no minuto 2 subiu o primeiro tanto ao marcador da Gándara froito dunha xogada de estratexia que Iván finalizou cun gran gol.

O tanto serviu para que os naroneses gañasen en confianza e a penas dous minutos despois Juan Caínzos foi o encargado de bater a portería visitante. Aínda poido o Cidade ampliar a vantaxe do marcador grazas a varias xogadas de contrataque que os naroneses non lograron materializar. Pero así se chegou ao descanso: 2-0 no luminoso naronés e un Buxía que atallou todo canto chegou á meta local.

O segundo tempo comezou cun Cidade que seguiu a mesma tónica do primeiro tempo e pronto encarrilou o partido. No minuto 23 Pablo anotou o terceiro tanto e o Culleredo decidiu volver á estratexia de porteiro-xogador á que xa recorrera nos últimos minutos do primeiro tempo co fin de intentar parar o ritmo do partido e acercarse no marcador.

O equipo coruñés comezou a xerar algunha que outra ocasión de perigo pero Buxía seguiu firme repelendo os tiros visitantes e o Narón continuou ampliando a vantaxe. Pablo nos minutos 30 e 33 e Álex, no 34 completaron a táboa de goleadores. E malia que os últimos minutos de partido careceron de intensidade, serviron para que os visitantes anotasen o gol da honra por medio de Manu del Castillo.

O vindeiro fin de semana o Cidade de Narón viaxará a cidade herculina para enfrontarse ao 5 Coruña. Será o domingo 22, no Pavillón de Novo Mesoiro, a partir das 13 horas.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Juan Caínzos, Iván, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Álex Piñón, Lucas, Diego Rey, Pablo Cotelo e Luis.

Sport Sala Culleredo: Jaime, Stefano, Óscar, Alvaro e Daniel. Tamén xogaron Ignacio, Fernando, Manuel, Lucas, Fernando González, Andrés e Manuel del Castillo.

Goles: (1-0) min. 3, Iván; (2-0) min. 4, Juan; (3-0) min. 23, Pablo; (4-0) min. 30, Pablo; (5-0) min. 33, Pablo; (6-0) min. 34, Álex Piñón.

Árbitros: Esteban Gómez e Yago Seijas (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM A Gándara (Narón)