O Cidade firma un segundo tempo case perfecto e suma + 3 na Gándara
-
Os de Javi Albes venceron ao Sala Ourense por 5-2 logo dunha primeira parte moi igualada que rematou co tanto anotado por Luis aos dous minutos de xogo
-
Na segunda parte, os naroneses amosáronse máis incisivos en ataque e froito do xogo despregado chegaron os goles de Iván, Diego, Lucas e Javi
Narón, 29 de marzo de 2025.- O Cidade de Narón sumou esta fin de semana tres novos puntos logo da vitoria colleitada no pavillón municipal da Gándara ante o Sala Ourense por 5-2. Un partido a priori complicado pero que os naroneses souberon resolver con acerto no segundo tempo. Os goles foron obra de Luis, Iván, Diego, Lucas e Javi.
O encontro arrancou cun Ourense con defensa en media cancha e un Cidade cunha presión moi alta, intentando dificultar a saída do equipo visitante, pero sen moito acerto, xa que as accións individuais de Guerra e Raúl Rivero lograron sortear dita presión. Iso si, sen incomodar demasiado a Buxía.
O partido mudou no minuto dous, cando nunha acción individual de Lucas, o porteiro ourensán saíu do seu área para cortar a contra e parou o balón coa man. O resultado: expulsión e inferioridade na cancha que Luis aproveitou para anotar o primeiro da tarde enviando o balón á escuadra.
O partido continuou cun Cidade que mantivo a presión en defensa mentres que en ataque apostou polo xogo de pivot. E mediado o primeiro tempo, o Ourense se adaptou á estratexia dos naroneses e chegou a xerar algunha que outra ocasión de perigo na meta de Buxía.
Os de Narón intentaron abrir brecha no marcador de varios xeitos, buscando rotacións e solucións en ataque pero non foron capaces de aumentar a vantaxe e se foron ao descanso con vitoria pola mínima.
Logo do paso por vestiarios o Cidade mellorou e moito as súas prestacións sobre a cancha dándolle máis rapidez ao balón e xerando máis situacións de un para un que fixeron que Sala se atopara con máis problemas defensivos. E no minuto 28, nunha gran xogada colectiva, Diego meteu un balón ao segundo pao, para que Iván anotara o segundo tanto local e dese un pouco de tranquilidade ao equipo.
O 2-0 coincidiu cunha baixada na intensidade do xogo dos visitantes que foi aproveitada polo Cidade para sumar o terceiro grazas, de novo, a outra gran xogada colectiva na que, neste caso, foi Diego quen rematou ao segundo pao logo dun gran pase de Iván.
Eses dous tantos seguidos dos locais precederon á expulsión de Raúl Rivero, que, novamente propiciou o xogo en superioridade do Narón. Unha superioridade moi traballada polos naroneses que dispuxeron de abondosas finalizacións para que, nunha boa acción individual, Lucas anotara o cuarto.
O Sala Ourense apostou entón por porteiro xogador pero malia o bo traballo dos ourensás, Javi aproveitou unha imprecisión dos visitantes para anotar o quinto tanto naronés.
Nos últimos minutos de partido, Albes aproveitou para afrontar o 5 para 4 do Sala con moitas rotacións e, en dúas boas xogadas, anotaron dous tantos.
Estes tres novos puntos deixan ao Cidade de Narón a tan só unha vitoria dos postos de playoff e con catro xornadas para o remate da liga regular.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Buxi, Luis, Lucas, Diego e Pablo. Tamén xogaron Iván, Paulo, Guille, Héctor, Javi e Migui.
Sala Ourense: Noel, Raúl Rivero, Álex, Gonzalo e David Guerra. Tamén xogaron Alessandro, Diego, Yago, Adri Araujo e Sergio.
Goles: (1-0) min. 2, Luis; (2-0) min. 28, Iván; (3-0) min. 29, Diego; (4-0) min. 32, Lucas; (5-0) min. 34, Javi; (5-1) min. 34, Guille (PP); (5-2) min. 38, Álex.
Árbitros: Adán Cabo González e Juan Ramón Juan Mora (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)